Opinión

O heroe galego

Levo tres días na busca de Supergal (o Supermán galego) para que me leve ata as alturas e, desde alí, contemplar o panorama, ou sexa, a nosa terra.

Primeiro, nota aclaratoria para distinguir, en algo, ó Supermán de Krypton do Supergal terrícola: Conforme o heroe do cómic usa unha capa, o heroe galaico usa daquelas polainas que se poñían para rozar os toxos. Segundo Supermán se impulsaba erguendo un dos seus brazos, o noso Supergal ráñase onde lle pica e despega coma un foguete. Ó Supermán sería a capa ou a súa procedencia extraterrestre a que o mantiña no aire e voando. Ó Supergal manteno flotando no aire unhas aspas de mangos de sachos que saen dos seus ombreiros, e de hélice ten tres fouciños que rotan á velocidade dun can de palleiro. Tal hélice está colocada á altura dos riles. O Supermán galáctico ten moito músculo, mentres que ó Supergal galaico lle sae algo de tripa, da que está moi orgulloso.

Non obstante, e a pesar do bandullo, sigo confiando nel. Repito: levo tres días buscándoo. Quero que desde moi arriba me ensine As Encrobas, o encoro de Castrelo de Miño e a Lagoa da Antela, a Chaira de Vide e a Chaira de Penouzos en Baños de Molgas, a lúa polo lado bo e polo escuro, a fraga do Eume e a cascada da Cidadella.

Logo diso, se quere e ten folgos, podemos ir na busca de Supermán. Faime ilusión de que se coñezan. Seguro que o noso bailará unha muiñeira sobre a capa do home de aceiro. Sigo na busca, que xa teño ganas de atopalo.

Te puede interesar