Opinión

O mellor Huston

As grandes películas de aventuras de John Huston son dinámicas, describen un vibrante percorrido físico e conteñen historias en permanente movemento. Con esas características podemos falar de “O tesouro de Serra Nai” (1947), “A Raíña de África” (1952), “Moby Dick” (1956), “Paseo polo amor e a morte” (1969) ou “O home que puido reinar” (1975).

Nas súas obras máis arraianas e desesperadas, os personaxes semellan ancorados en dique seco, o dinamismo substitúeo o afondamento dramático e a reflexión existencial pasa a primeiro termo. É o caso de “Vidas rebeldes” (1961), “Fat City” (1972) ou “Sangue sabio (O profeta do diaño)” (1979).

A John Huston tamén lle debemos o personaxe máis entrañable, desmitificado e sorprendente que interpretou Humphrey Bogart en toda a súa vida: o Charlie Allnutt que conduce a Raíña de África polos rápidos do amor e da aventura. Era a quinta do total de seis películas que Bogart interpretou ás ordes do que foi un dos seus mellores amigos.

Na filmografía de Huston non faltan títulos de prestixio (por exemplo, “Reflexos dun ollo dourado”, 1967), películas malditas (“A burla do diaño”, 1953), obras mestras de cine negro (“A xungla de asfalto”, 1950) ou meros encargos comerciais, executados con tanta pericia profesional como desgana persoal (“Evasión ou vitoria”, 1981).

Os seus derradeiros traballos devolvéronnos ó mellor Huston: o apaixonado amante de México que se atreve coa novela de Malcolm Lowry (“Baixo o volcán”, 1984) ou o irónico e sabio narrador con bríos xuvenís de “O honor dos Prizzi” (1985). Remataría a súa filmografía cunha obra mestra máis: “Dublineses (Os mortos)” (1987).

Dirixiu ó seu propio pai, o oscarizado actor Walter Huston, en polo menos cinco longametraxes e tamén dirixiría á súa filla Anjelica Huston en ó menos tres películas. Morreu o 28 de agosto de 1987 e antes chegou a confesar que “pasaría máis tempo cos meus fillos, ganaría os cartos antes de gastalos, aprendería os praceres do viño en vez das bebidas fortes, non fumaría cando tivera pulmonía e non me casaría por quinta vez”. Claro que, se fixera isto, ó mellor non era o John Huston que chegou a ser: un dos máis grandes directores da sétima arte.

Te puede interesar