Opinión

O parapente

Practiquei o parapente sen saber moi ben o que era. Simplemente me tirei ó baleiro desde as vías do tren da ponte das Cepas, a uns 50 metros, para aterrar sobre as augas do río Arnoia. Realmente aterrei xusto sobre a punta dun penedo. Non rompín a perna de milagre. Digo a perna porque a punta era tan aguda que non collía nada máis; só un pé, neste caso, o dereito.

Non obstante, tiven a mala fortuna de que, ó momento de caer, xa esvarei. Iso si, puiden agarrarme con forza ó penedo. Mellor aínda, abraceime ó penedo. Así levo sete días e seis horas. Xa non sinto nin as pernas nin os brazos. As pernas, de levar tanto tempo na auga fría. Os brazos, de abrazarme ó penedo. Nin o Rambo aguantaría tanto. Eu, aquí sigo.

Iso si, levo sete días e seis horas berrando en intervalos de dous minutos. Nada. Quen carallo me vai oír, se por aí non pasa xa ninguén. Agora nin tan sequera o tren. Se alguén se achega de visita turística a algún muíño dos arredores, o ruído da auga do Arnoia fará case imposible a audición. Porén, confío. Confío en que alguén se desvíe dos carreiros habituais e me escoite.

Entendo que por pouco tempo máis poderei seguir berrando, xa que me estou quedando afónico, rouco. Facede a operación matemática: cada dous minutos durante sete días e seis horas, e atinaredes cos berros emitidos. De cando en vez esbardallo sobre o parapente, pero isto non me salva. Só me queda aguantar e non afogar. É que, para máis carallos, non sei nadar.

Te puede interesar