Opinión

Os pendóns do millo

Quero contemplar os pendóns do millo, pero os ollos tan só se me van para a igrexa de Baños de Molgas. Estou no fondo da Pitediña, sentado baixo a sombra dun amieiro que bebe das augas do río Arnoia. Hai uns minutos que deixei de ler e agora estou a facer tempo para marchar. O remusmús da corrente envurúllame nunha morriña que, a verdade, nunca se foi. De esguello quero examinar eses pendóns do millo que hai na leira do Sandiós, pero o barrio da Igrexa, aínda que está máis distante, faise grande, morriñento e, por que non, bonito. A igrexa coa súa torre de 30 metros de altura. A Aira de Arriba cos seus canastros e a fantasía dos palleiros de herba seca e de palla. A infancia pululando, bulindo polos xogos que levabamos a cabo por entre eses canastros e palleiros antes de entrar ó rosario, por exemplo. Rosario diario, por suposto. Pasou o tempo. Teño que marchar. Ergo. Os pendóns do millo quedan atrás e paso a paso métome nas mesmas entrañas de Baños de Molgas.

Te puede interesar