Opinión

As pitas ganaron as batallas políticas

Manda truco no noso país! Catro galiñas conseguiron impoñerse sobre a amnistía catalá, o caso Koldo, o noivo da Ayuso, o racismo de Vinicius e a selección de fútbol de Brahim. Unhas poucas galiñas! Churras, churras; veña, que vos teño que rexistrar.

Poida que co tempo tal orde de inscribir, de asentar as pitas estivese ben ditada, pero, hoxe, que queredes, paréceme dunha chacota supina, unha auténtica brincadeira. Por dúas, seis, doce pitas (é igual), facerlle perder a mañá a un pobre labrego é como para dicir morra o conto. Que a Administración debería distinguir moi ben unha granxa de galiñas dun galiñeiro de pitas.

Ademais, tiña razón Carrabouxo na súa viñeta cando dicía que as avoas xa as rexistraban meténdolles os dedos no cu para ver se tiñan ovos. Ou o que é o mesmo, que é o proio paisano o que se preocupa máis do que ten e do que lle pode valer, que non do que queira ou diga a Administración. Pasa máis ou menos o mesmo cando hai que cortar un carballo, un simple carballo; que hai que perder unha mañá para realizar unha solicitude de corta. A Administración pensa que o paisano vai arrasar coa poula, co pulmón verde da contorna; cando é o propio labrego o que mellor mira pola condución desas árbores que, co paso do tempo, serán para eles coma ouro en pano.

Como ás veces recoñezo que son algo retorcido; o de rexistrar as galiñas non será para que, nos bares, nos desviemos de parolar, debater, criticar, opinar de temas máis serios? Pero, que máis dá, por unha vez as pitas ganaron, nas conversas, as batallas políticas. En toda a semana pasada non se falou doutra cousa.

Para rematar xa me poño algo máis serio. Daniel Ortega, o presidente de Nicaragua, prohibe as referencias políticas nos concertos nese país. Non vaia ser que o critiquen e o homiño quede mal ante a opinión pública internacional, porque a nacional dálle o mesmo, que a ten atada e ben atada. E Vladimir Putin ten garantido o poder ata o 2025 porque non ten oposición. Todos os que podían facerlle algo de sombra están no cárcere ou mortos. Así gana calquera. Non sei para que perde o tempo e cartos convocando eleccións. Isto de convocalas é un dicir, claro.

Te puede interesar