Porque vivimos onde vivimos

Porque vivimos onde vivimos

Tan axiña como vin as imaxes por televisión,  souben ó momento que non é necesario ir a Irán ou Iraq ou a calquera país que hoxe se atope en guerra para ver un escenario apocalíptico como o que vin en Tui, máis en concreto, en Baldrán, parroquia de Paramos, por culpa da explosión dunha polvoreira ilegal. Tal accidente custoulle a vida a dúas persoas, deixou case 40 feridos e 60 vivendas arrasadas. Ver esa columna de fume (que che recorda á bomba atómica) e esa focha, ese buraco que non sei se un mísil faría tal, é coma retrotraerte a eses escenarios de guerra que che crucifican a alma. A pirotecnia era ilegal. A pirotecnia xa tivera máis problemas. E o pirotécnico está en liberdade condicional. Me parece a min que non é tan só o propio pirotécnico o culpable. Se xa tivo problemas, por que seguiu cos materiais explosivos. Se volve ter problemas, por que está en liberdade condicional. Hai que repetir que houbo dous mortos e que moita xentiña quedouse, como se adoita dicir, en pelotas. Creo que esta xentiña aínda vai botar un tempo a velas vir. Porque vivimos onde vivimos.

Vivimos onde vivimos, tamén, politicamente falando. Deixo aí a frase, pero non vou falar do que aconteceu a semana pasada. Para que? Sempre haberá alguén que se saia pola tanxente. É igual; aínda que vexamos como nos meten as mans nas carteiras e como nos levan os cartos, nós desculpamos o asunto con calquera escusiña de nada. Ou pensamos naquilo de que “moito peor sería con aqueles ou cos outros”. Tampouco neste asunto entendo moi ben á xustiza: se lle botan anos de cárcere a uns seres físicos que foron condenados, por que non prohiben ou por que non eliminan a unha formación que tamén foi condenada. E mirade que non quería falar, pero o asunto foi tan grave que a propia inercia do cabreo me levou a estas liñas. Pero para que te cabreas, homiño, se total non é nada. Ó mellor é que te poñas á beira do río Arnoia e vexas a auga pasar. Xusto ó entrar en Baños de Molgas, aí, pasa mansa. Ata poida que asome flotando e recuperes a carteira. Claro que máis seguro que che veña baleira. Boa semana a todos.