Opinión

Productor incómodo

En vida, chamáronlle corruptor da xuventude, instigador á prostitución e chulo. Tamén o condenaron en primeira instancia a seis anos de reclusión por asociación criminal e o de máis arriba. Riccardo Schicchi foi un personaxe incómodo, pero que lle soubo dar forma empresarial ós desexos soterrados dos italianos, sepultados baixo os bos modais e a tristeza dos anos do terrorismo. As súas películas e iniciativas adiantaron moitos das características da sociedade e da política seguintes. “Foi o único e verdadeiro liberal que pisou xamais este país. Para min, un pai”, comentou quen tal vez sexa o máis afamado dos seus pupilos, Rocco Siffredi.

Estamos a falar do produtor Riccardo Schicchi, pai do cine porno en Italia, e inventor de estrelas como Ilona Staller (a famosa Cicciolina), Moana Pozzi e o citado Rocco Siffredi. 

Schicchi nacera en Sicilia en 1952 e empezou como fotógrafo e fotoreporteiro; coa cámara ás costas visitou varias zonas de guerra. A mediados dos 70, aconteceu o encontro que lle cambiou a vida: coñeceu á húngara Cicciolina e decidiu dedicarse ó cine. Fundou a axencia Diva Futura, para lanzar ó mundo do porno a modelos e actrices. Sostivo e acompañou a campaña electoral de Cicciolina como candidata ó Congreso nas filas do Partido Radical: os mitins nas prazas romanas, nos que a candidata concluía os seus discursos ensinando o peito, deron na diana. A actriz saíu elixida.

Por certo, o día que se instalou no seu escano (2 de xullo de 1987), foi o centro de atención dos reporteiros que esperaban ante o Parlamento para inmortalizar o ingreso dunha estrela do porno no palacio da democracia. A xente pensaba que se trataba dun xogo, un paradoxo, un absurdo, pero Schicchi, que estaba detrás daquel barullo, daquela algueirada de sorrisos, flashes e carnes núas, entendera que a política estaba cambiando. Ademais, a carne de Ilona Staller, de Cicciolina, deu máis dunha mostra de intelixencia e seriedade.

O produtor morreu o 9 de decembro ós 60 anos. Foi a súa ex muller, tamén prolífica no xénero, quen confirmou o seu falecemento, causada por unha complicación da grave diabetes que sufría.

Te puede interesar