Opinión

Que se celebra!

Comentaba o ano pasado que o OUFF levaba 22 anos á pata coxa. 22 anos a trancas e barrancas, ás toupadas. 22 anos cheos de críticas e, certo, de poucas gabanzas. 22 anos nos que, a política, que nunca se levou ben coa cultura (a cultura é unha lingua afiada e intelixente, da que foxen os políticos), se meteu polo medio. Pero aí estivo, 22 anos percorrendo as salas cinematográficas da nosa capital, incluso da nosa provincia.

Pois ben, este ano, ou sexa a 23 edición tróuxenos a todos consumíndonos os folgos. Que se vai, que se non vai. Que se celebra, que se non se celebra. Que semellou máis unha tartaruga á que, aínda por encima lle puñan atrancos, que a unha celebración que debería empezar xa á finalización da edición anterior. Aquí, como sempre, tarde, mal e... case nunca. Menos mal que sempre está aí ese case. Ese sapoconcho que soubo evitar os obstáculos; ou ben arrodeándoos ou ben subindo con moita calma (pero que se espera dese pobre emídido) para seguir o seu camiño. Ó final, coma o conto da lebre e ese réptil lento, lento de verdade, este conseguiu tornar as tornas e vencer, con moito orgullo e valor, a esa lebre que pensaba que o ano cinematográfico para a provincia de Ourense chegaría á súa fin completamente en branco.

O ano cinematográfico é certo que está a piques de finalizar, pero aquí está, por fin, o OUFF dándolle que dándolle á súa programación, á súa fábrica de soños para que, precisamente, soñemos. E soñamos, vaia se soñamos.

Soñamos con esas películas que o 95% ou máis delas non se verán nas salas, chamémoslle comerciais, de Ourense. Porque se xa custa ver a maioría de todas as longametraxes comerciais, máis ou menos interesantes, imaxinade ese cine feito con catro euros e de países que, algúns, ata non chegan a ter nin industria cinematográfica. Así é que botémoslle unha man a ese espertar cinematográfico, e seguro que chegaremos a ver algunhas xoias que, por desgraza, quedarán polo camiño. Pero polo menos quédanos aquel orgullo de que nós as vimos. Ó mesmo tempo recompensaremos a equipos que puxeron toda a súa alma neses proxectos. Merecen un recoñecemento. Vai por eles.

Te puede interesar