Opinión

No raíl da vía do tren


Corrín pola vía do tren ata que cansei. Cando cansei, sentei. E cando sentei, pensei. É bonito pensar. Se pensas en cousas positivas, claro. Ás veces non queda outra que pensar nas negativas. Coas negativas tamén se aprende. Quizais con dor, pero apréndese.

Hoxe, como estou de boas e ben sentado sobre o raíl, penso en cousas bonitas. Agora ben, hai que descubrir os pensamentos? Ou espallalos? Case mellor que vaian caendo con parsimonia, moi de cando en vez sobre oídos que están á espreita ou sobre papeis en branco. Tamén valen cuadriculados.

Mentres penso sobre eses pensamentos positivos que podo deixar caer, vexo como as cerdeiras florecen xa e como as flores dos toxos son as raíñas da poula que se atopa a uns metros de distancia. Sinto o canto dun grilo e o ouleo dun can. Mentres vexo, sinto e penso, xogo coas pedras da vía que me arrodean.

Descansado da canseira, sigo sentado no raíl porque... estou ben. Cando se está ben, mellor seguir como se está, non vaia ser que os pensamentos se distraian, se despisten e se vaian polos cerros de Úbeda, por exemplo. Ademais, tampouco me quero cansar de novo. Cando un cansa, a mente atrófiase, os pensamentos léanse. E a mestura de positivismo con negativismo non nada ben; un por outro e outro por un, o típico, a casa sen varrer.

Ben descansado xa, ergo do raíl e intento deixar a mente en branco para que nin os pensamentos positivos nin as ideas negativas se pelexen. E, así, todos contentos.

Te puede interesar