Opinión

Retrato corrosivo

Na súa quinta longametraxe, o director Miguel Albaladejo decidiu abandonar provisionalmente o xénero da comedia que lle proporcionara tan bos éxitos. Lembremos “A primeira noite da miña vida”, “Manolito Gafotas”, “Ataque verbal” e “O ceo aberto”. As súas películas falan de personaxes pouco tratados no cine español, homes, mulleres e nenos da clase media baixa, que a nosa cinematografía marxinou sistematicamente en beneficio dos burgueses, os intelectuais ou os marxinais. Nesas agradécese que o cine dirixa a ollada cara xentes e ambientes distintos ós habituais, que de cando en vez o retrato deste país escape ós arquetipos redutores da xente guapa e os mozos tomando pastillas nos locais de moda. Iso é o que fai Miguel Albaladejo unha vez máis en “Rancor”, onde se afasta do ton de comedia que practicou nas películas anteriores para achegarse a outro máis grave, case dramático, pero conservando en parte o seu oído para o ruído da rúa e unha particular comprensión humorística do mundo.


Xa dicía o propio Albaladejo que “máis que facer un drama, tiña a necesidade de facer unha película distinta”. Tiña ganas de construír unha trama cun grupo de personaxes que se manipulan entre eles e que se acaban relacionando por esquemas estritamente de poder. O sufrimento sentimental dos personaxes non é máis que a punta do iceberg de dramas moito máis profundos. En “Rancor” hai personaxes con vidas moi interesantes, próximas á delincuencia.


O filme conta a historia dunha vinganza, a dunha fracasada cantante de chafarices de praia que se reencontra co home que a deixou, un ladrón de pouca monta, ó que decide facerlle imposible a súa nova vida. A película consegue un resultado plenamente satisfactorio, que entretén e emociona, que mestura con sabedoría a traxedia persoal de todos os personaxes para superala a través dun humor xenuíno e nada pretensioso. Un retrato sorprendente e corrosivo das miserias humanas, que é tamén un acto de valentía por parte do cineasta ó poñer o papel protagonista en mans da inexperta Lolita, na que se descobre unha enorme actriz, intuitiva e visceral, que, aínda sen maquillar, impregna de fonda amargura a súa capacidade de manipulación sobre os que a arrodean.

Te puede interesar