Opinión

Semana de paixón

Hoxe empeza a semana de paixón. Unha semana que perdeu practicamente todo o contexto relixioso para verter nun acontecemento ou evento máis ben turístico. A proba é que, en varios lugares, tal semana bótase xa fóra dos sete días normais (o venres xa vin pola televisión procesións en dous ou tres lugares). Algo moi semellante ó que acontece co Nadal, que empeza xa no mes de outubro ou novembro coa “alucinación” dos alumeados das vilas e cidades. Agora que cada quen opte polo que queira: polo recollemento sacro ou polo barullo profano.

Semana de paixón, días de paixón, meses de paixón e, por que non, anos de paixón é o que teñen que padecer os de Gaza. Ós pobres non lles chegaba xa coas balas, bombas, destrución e opresión, senón que aínda teñen que aguantar unha desnutrición tal que case 700.000 mil persoas atópanse en situación límite por falta de subministración. E os máis sacrificados, quen se non, os nenos; os que menos saben de que vai tal conflito, os inocentes puros que, imaxino, moitos xa non lembrarán como se xoga, como se sorrí, como se ri. Destes cativos vense imaxes que case nos fan exclamar: que rebente o mundo e que se vaia todo a tomar por aquel sitio. E si, a comunidade internacional está dálle que dálle ó tema, pero, como digo eu, pola boca pequena, para que pensemos que fan algo. Xuntar xúntanse moito, pero uns por outros, o xenocidio segue.

Paixón tamén é a que están a padecer os nosos maiores. Galicia, hai que recoñecelo, é un país de vellos. Pois ben, estamos case á cola en prazas de residencia. Máis en concreto, no posto número 12 das 17 comunidades autónomas existentes. Temos tres prazas de residencia por cada cen maiores. Tal como estamos e o camiño que levamos, xa hai tempo que debería haber residencias para os nosos anciáns en todos os concellos existentes. E que ninguén bote as mans á cabeza polo presunto custo das mesmas, cando estamos a ver diariamente do que se lucran algúns (ou sexa, moitos) a conta nosa, a conta deses maiores que se teñen que buscar a vida á costa dalgúns familiares ou quedando na máis completa soidade, non só nas súas casas, senón nas propias aldeas.

A verdade é que hai crucifixións, padecementos, tormentos, calvarios que van moito máis alá desta semana. Dá igual que sexa sacra coma profana. As miserias están sempre aquí, hainas todos os días.

Te puede interesar