Opinión

Sempre a música

Sento na cadeira de catro patas para escribir. Abro o ordenador. Conecto os auriculares. Meto o jazz de Greg Osby. Fochico, primeiro, un chisco polo feisbuq. E alá vou: Escribo sobre a conciencia dun mosquito, que nin tan sequera sei se a ten. Escribo sobre o son dunha gaita que toca máis alá da nosa terra, quizais naquel planeta onde, seguro!, xa hai un galego. Escribo sobre o sorriso dunha bubela, porque, hai que ver!, como se pon a condenada cando atopa as bostas das vacas. Disimuladamente, fago que o meu corpo, principalmente a cabeza, se mova ó ritmo da música de Greg Osby. Escribo sobre a música, que racha a tristura por uns acontecementos da natureza que non puiden evitar, que amansa a impotencia que quere rañarme a alma e que me inspira para dicir que sigo escribindo, xa co ordenador aberto, sentado nunha cadeira de catro patas. E escoitando música, claro. Sempre a música poñéndome no lugar que me corresponde: o da calma, o do sosego, o do acougo.
 

Te puede interesar