Opinión

Silencio mortal

Nunha das primeiras imaxes de Shoah, un supervivente do campo de exterminio de Chelmno (Polinia) di: “Isto non se pode contar. Ninguén pode representar o que ocorreu aquí. É imposible. Ninguén o pode comprender”. Shoah (1974-1985), unha das películas máis singulares e monumentais da historia do cine, desafíase a si mesma para contar o que formula como imposible: o exterminio, en cámaras de gas, dos xudeus polos nazis durante a II Guerra Mundial. O seu director, Claude Lanzmann, reconstruíu (a través das palabras de superviventes, testemuñas e asasinos) o que alí aconteceu. Lanzmann tardou 11 anos en rodar Shoah. Filmou 300 horas. A película dura 570 minutos, ou o que é o mesmo, practicamente 10 horas.

“O interesante non é por que empecei a facer Shoah, non me pregunte iso, pregúnteme por que seguín facendo Shoah durante 11 anos, por que non a din por rematada, por que perdín amigos e produtores. Once anos é moito tempo e eu non saín intacto daquel esforzo. Cando levaba dous anos dinme conta de que necesitaba máis tempo, así pasaron outros dous anos, e outros dous e logo outros dous máis... Era incapaz de acabar. Non podía acabar, non, aínda que a miña vida quedase aí, non podía. Tiña que dominar o tempo, esa era a clave. Seguín arrastrado por esa esperanza, era unha idea mesiánica; pasaba o tempo e a xente deixábame, acabábase todo, o diñeiro o primeiro. Pero eu seguía porque obedecía a unha lei interior. Orgullo? Si. Non me parei ante nada nin ante ninguén. Conseguín dominar o tempo, pareino ó meu antollo”.

Lanzmann pensa que, hoxe en día, a xente aínda non sabe nada sobre o Holocausto. El mesmo empezou a película pensando que sabía algo, pero axiña asimilou que non tiña nin idea, por iso seguiu a rodar e a rodar. Era demasiado difícil, pero tiña que intentalo. E asomou no cine un colosal pero fráxil, delicado, íntimo esforzo de introspección no abismo do século XX. Shoah é unha pudorosa indagación dentro da substancia indescifrable e inabarcable do silencio mortal do Holocausto, un silencio que está nela e dá forma á súa secuencia.

Te puede interesar