Opinión

Suar

Hai unha hora que rematou o partido de liga Sevilla-Celta (1-2) e aínda estou suando a causa da tensión, da angustia. Canto sufrimento! Polo detalle de que, moitas veces, o Celtiña deixou escapar puntos e partidos nos derradeiros minutos, nas derradeiras xogadas. Ante isto, os últimos dez minutos do partido tiven que velos de pé (o resto contempleino desde a cama) porque os nervios estaban demasiado a flor de pel. Agora sorrío ante esta actitude, pero hai que vivir o momento. Menos mal que, por fin, pagou a pena.

Suar tamén súo un pouco pola temperatura. O ceo está nubrado e case ameazando chuvia, máis a calor é abondo sufocante. Tamén é verdade que, ás veces, non é necesario facer algo ou angustiarse para suar. Suar adoita ser bastante fácil. E se se fai un esforzo físico xa non digo nada.

Eu non son de moito suar nos esforzos físicos. Semento unha leira de patacas ou cargo un tractor de esterco e case non súo. Quizais si súe máis nesas accións nas que a maioría nin tan sequera se quentan. Por unha frase mal dita por alguén. Por un acto mal feito por outros. A min, por exemplo, por suar ata me súa a conciencia.

Tamén me súan os versos cando caen por contagotas. E súo cando sei que un sentimento queda colgado da galla dun amieiro. Ou cando vexo que un sorriso se queda, de golpe, nun simple xesto. Súo cando os soños non cadran e sei que acabarán rematando en pesadelos. Para a maioría, teño un suar politicamente incorrecto; aínda que, sabéndoo, é cando máis transpiro, precisamente para xiringar a esa maioría. Súo ante a fermosura ben fotografada e mesmo cando berro de ansiedade. Non son de moito suar, aínda que, por certos propósitos, por certas imaxes, estea sempre suando.

Te puede interesar