Opinión

Os sucos da memoria

Rella de ferro nun arado de pau. Os regos da leira son longos e os anos dun labrego murchan entre os sucos da memoria. A memoria dun labrego tan só ten dous obxectos identificados: pan e touciño. Hai cargas con feixes cheos de pensamentos que necesitan algo máis que unha albarda. Outros precisan dunha meda para que non se esborrallen cando a conciencia pesa máis que un cento de mollos de centeo. Eixe de carro que canta, que berra, que se queixa polos camiños de pedra que van dar, logo, a carreiras cheas de lama, de bulleiro onde a nostalxia se atuga ata que a melancolía asoma por entre os estadullos dunha vida feliz pero un chisco miserenta. Os sucos da memoria adoitan ser rectos nos momentos en que o sol se tumba sobre a almofada do horizonte; pero ás veces tamén se torcen porque o labrego sente e padece a perda dalgunha semente, dalgún froito que quedou atugado nos anos de máis pobreza. Hai soños que bordan os ladrais dun carro.

Te puede interesar