Opinión

Xute de celuloide

A vida do actor John C. Holmes, corrida máis que andada desde o día que descubriu que cunha ferramenta de traballo de 35 centímetros se podía chegar lonxe na industria do porno, estivo sempre arrodeada de po. Nos seus anos de traballo, facéndolle o amor a máis de quince mil mulleres. E, tras o seu retiro da interpretación (o de interpretación é un dicir), nifrando incontables cantidades de cocaína. O seu punto álxido: os salvaxes asasinatos nos que se viu envolto, negro asunto da súa época alucinóxena da que dá conta “Wonderland” (2003), película que non trata a súa etapa como actor. Por tanto, se hai alguén que busca o que hai detrás dos pantalóns do cartel, que se esqueza diso. Aquí non importa o tamaño. “Wonderland” é un xute de celuloide, unha salvaxe baixada ó inferno do descontrol vital, un notable retrato dos baixos fondos dos Ánxeles e a descoidada narración dun suceso.


A estrutura, baseada nas repeticións dun mesmo feito contado por diferentes personaxes desde distintos puntos de vista, serve para darlle solución ó problema da ausencia de información demostrada sobre os asasinatos. Unha estrutura inventada por Akira Kurosawa en “Rashomon” (1950) que non todos saben copiar. Así, xunto a personaxes que non aportan máis que confusión (o de Carrie Fisher), hai tamén algún chapuceiro descoido (que fácil penetra na casa precintada pola policía o personaxe de Dylan McDermott). Non obstante, o director James Cox sabe cómo introducir ó espectador na paranoia do tan superdotado sexual como débil mental Holmes. Aceleróns, freadas, cambios de textura, de cor…

Por momentos, un parece adentrarse na arrevesada mente e no exercitado nariz do mítico actor, todo elo ó ritmo dalgunhas das mellores cancións dos oitenta, desde Iggy Pop ata Lou Reed, e da hipnótica música de Cliff Martínez.


Conta o director que moitos actores de Hollywood leron o guión de “Wonderland” e que quedaron fascinados, pero non quixeron correr o risco de interpretar a un personaxe tan escuro, polo que tivo que buscar ata atopar a Val Kilmer que, aínda así, tardou dez meses e dar o si definitivo.

Te puede interesar