Opinión

Arturo Baltar

“Buscou no ceo a estrela presentida

e naceulle na man a luz da albada.

Con esa man, do barro namorada

creou un universo e deulle vida.”

(Víctor Campio: O aire, a luz e o canto, 2008)

Na hora do solpor, Arturo Baltar, o creador do máis fermoso belén galego, acomódase no corredor da casa e escoita emocionado a marabilla melódica que o vento interpreta nas canas e nas follas das árbores. Os pensamentos véñenlle bater incesantes na cabeza: saberán as árbores da súa sombra? Terán medo como as persoas? Acaso poden ter tamén sentimentos amorosos? Despois, déixase levar nos movementos deliciosos dunha sinfonía de Beethoven que o devolven ao ventre quente da terra.

No interior, deléitase co espectáculo aliñado dos cangallos de uvas e das mazás que perfuman a morada e que se van facendo mel paseniñamente, pendurados dos pontóns e das trabes do teito. Sosego no amplo escano de madeira de castiñeiro que apaña as horas polo rabo para que non escapen. Na parede, contémplase magnífico relevo de madeira con nove ánimas en pena, en actitude de pregaria entre as chamas ardentes do purgatorio, aterradas polo ollar sanguinario das cabezas de dous enormes dragóns verdes. Á súa beira, disponse espléndida colección de chaves vellas coas que procurar abrir as portas do mundo do enigma, do misterio, do descoñecido.

O artista do barro goza coa parola, co narrar pausado da amizade. Gusta de saborear as palabras migadas en viño tinto. Bebe amodo, intensa fragrancia da bebida no padal, como se quixese mastigar o líquido exquisito e retorna unha vez máis polo longo camiño do tempo e da memoria.

O mestre da miniatura déixanos espectaculares grupos escénicos e retablos que reproducen escenarios e situacións que conseguen facer parar o tempo, universos populares onde veñen confluír ilusións e paixóns, tal que o fantástico mercado das olas.

O xenio recreador da vida oculta da taberna das conversas preséntase na cerimonia inaugural do seu fabuloso belén, instalado na pequena capela de san Cósmede. Mentres as autoridades proceden co protocolo, o artista pousa os seus ollos nunha mulleriña engruñada nun canto do templo. Trátase da vella Celia, que mora nunha ruela preto da praza, vida dedicada ao negocio do corpo. Unha aperta sentida e cálida fai esbagoar ao Arturo. Ela coñéceo desde que era rapaz e sempre lle manifestou grande estima. Toda a vida lle chamou Julito. A pesar das continuas referencias de uns e outros ao protagonista como Arturo e da solemne descuberta da placa de bronce co seu nome e coa data do evento en grandes letras de molde, a muller despídese del dándolle os parabéns e dirixíndose novamente ao escultor como Julito. En certa ocasión, mesmo houbera chegar ás mans cunha compañeira de oficio, quen sostiña que o seu nome era realmente Jorge.

Ao chegar o momento do tránsito para o outro lado do tempo, o desexo do Arturo camiña cara ao medio do bosque e procura acougo ao pé dunha sobreira ou dun carballo de cálida cortiza, mentres vai furando entre as poderosas raíces. Total!

Te puede interesar