Opinión

O FEITIZO DO BOI

As rúas e as prazas medievais da vila retornan ao seu tempo e fanse escenario monumental e dinámico para o encontro gozoso cos moradores e ritos de outrora na procesión de Xan de Arzúa en Allariz.


Recreación lúdica e popular, dramatización de acontecementos e personaxes históricos e de situacións vivenciais da veciñanza do burgo. As badaladas solemnes dos sinos da igrexa de san Pedro no Eiró chaman polos participantes na celebración, espectáculo de emocións que alenta. Xúntanse autoridades civís e relixiosas, representantes dos gremios ou confrarías profesionais, xigantes e cabezudos, acróbatas e malabaristas, danzantes e xograis. Non pode faltar a fabulosa tarasca (coca), encarnación do mal do mundo.


Dous relatores, Xan de Amoeiro e Pedro Eanes, que teñen o don da palabra amena, reclaman a atención dos numerosos espectadores, introducen e explican os sucesos e enlazan as escenas. Preside a procesión o devoto Xan de Arzúa, moi señor a cabalo dun impresionante boi preto, guiado polos homes do sedeño e da aguillada, decidido a castigar os xudeus impíos pola imperdoábel aldraxe ao Corpus Christi.


En diferentes sitios da localidade, magnificamente engalanados, a representación de divertidos cadros escénicos populares, ao xeito das celebradas creacións dialogadas do dramaturgo ourensán Prado Lameiro, proba a habelencia artística de veciños entusiastas integrados nas agrupacións gremiais festivas. Diálogos enxeñosos, desafíos picantes, porfías verbais cargadas de retranca, de sátira, de burla, ingredientes fundamentais da troula, resultan espléndido agasallo teatral para os presentes.


No alto do lugar, a pouca distancia do castelo, antes da despedida e do convite colectivo a gozar da Festa do Boi, o campo da Barreira congrega a todos os intérpretes -máis de douscentos- para celebraren o éxito da representación con fermosas danzas procesionais de paus e de fitas executadas por rapaces e con animados cantares de troulear.


Exercicio de afirmación nas crenzas, de proclamación da liberdade e da tolerancia, alenta sentimentos identitarios agarimosos. Resgatada do abandono e do desprezo hai vinte anos, reformulada e actualizada, dignificada, a representación participa da sensibilidade que inspira as manifestacións da dramaturxia popular, tales que o Entroido, a festa de Mouros e Cristiáns, a festa do Tres de Maio, etc.


Na sombra e no silencio, o traballo esforzado e altruísta de moitas persoas que dedican saber e tempo para facer posíbel que a ilusión se transforme de novo en realidade e para que a felicidade queira ser a nosa amiga. Desde hai anos, movendo a acción e espreguizando vontades, unha persoa de lei, xenerosa e boa, na que casan paixón e orgullo de ser, grande por fóra e por dentro, o Pilís, Xosé Luís Quintana, dedicación infatigábel, decisión de aceiro, a alma do espectáculo.

Te puede interesar