Opinión

Reivindicación das terras altas do Leste

Namorado da rispideza da serra grave e fonda, da serra misteriosa, inzada de lúa. (Manuel Casado Nieto) S empre que voltamos a Trives, estamos como na casa. Son moitos os encantos desta terra. Paraíso natural e humano onde gusta de sentar o tempo para contemplar devagar a existencia e a maxestosa Cabeza Grande coa súa cabeleira branca. Nova viaxe encantada polo teito de Galicia, sucesión prodixiosa de cumes que se estiran cara ao ceo. Paraxe da inmensidade alfombrada de fermosas carballeiras de rebolos e de fascinantes soutos medievais, que teñen man das ladeiras empinadas e tecen manto de follas de ouro que abriga o chan. O vello souto de Rozabales co castiñeiro milenario de Pumbariños constitúe magnífico exemplo do tesouro do patrimonio natural conservado. Polas abas máis agarimosas baixan e soben viñas en fatigosos socalcos, herdanza fecunda do labor de xeracións de campesiños esforzados.


Todos os camiños que levan á vila están feitos de beleza e fantasía e han de ser transitados a paso de boi para poder conversar con eles: a ruta de Chandrexa de Queixa, co seu profundo encoro; a do Alto de Cerdeira, que procura a antiga Vía Nova ou XVIII; a dos sinuosos e célebres ‘codos’ do Larouco; a que vén desde o afastado Vilariño de Conso e pasa por Man zaneda. A serra trivesa conserva manifestacións do Entroido máis enxebre e auténtico, como os estrondosos folións que fan danzar os montes e que proban a habelencia da mocidade cos impoñentes bombos. A convocatoria propicia a concorrencia de toda a veciñanza.


No solpor que vén do frío, agárdanos o acolledor hostal La Viuda con toda a calor dos fogóns da cociña farturenta que non pecha ningún día do ano. O establecemento é resultado gozoso da dedicación constante e infatigábel da Clarita e do Ángel, os seus propietarios, sempre xenerosos na estima e nas atencións, que seguen a ollar o futuro co entusiasmo dos primeiros anos. Na lembranza agradecida está a figura da fundadora, a entrañábel señora Asunción, modelo de conduta, quen foi capaz de lle gañar ás traizoeiras adversidades da vida.


A cordialidade afectiva feita xa amizade preside o encontro grato e a conversa animada, que aviva a memoria de tempos pretéritos e felices. Agasallo do lume máxico da cheminea de agora e de antes. De dentro chegan marabillas culinarias para deleitar os sentidos e para escorrentar a friaxe do inverno montesío. Os artífices son os fillos, a María e o Ángel pequeno, dous rapaces encantadores que foron medrando perante os nosos ollos e que se moven pola cociña e polo comedor con un saber-facer e un saber-estar que non son propios da súa idade (desde este mesmo momento, facemos declaración formal de sermos fieis seguidores seus). Formados a lume manso no saber herdado dos proxenitores, os novos artistas da cociña completan a súa aprendizaxe no prestixioso Centro Superior de Hostalaría de Galicia en Compostela. A súa arte gastronómica resulta da sabia e atinada combinación de herdanza e innovación. A transmisión xeracional anuncia e garante un porvir ateigado de posibilidades e de realizacións. Para nós, é a descuberta do coñecido, a mellora do bon, a fortuna de seguirmos a ter unha casa quente na montaña. Extraordinario reclamo para seguirmos facendo viaxes de lecer ás terras altas do Leste. O restaurante La Viuda, un privilexio e un orgullo para as terras de Trives e para esta marabillosa provincia do interior, consolídase como referente espléndido da mellor creación gastronómica galega.



Te puede interesar