Opinión

A SAÍNZA DOS NENOS

A emoción da infancia cabalga de novo en fermoso cabalo branco no campo do Ataque. O sábado, día 22, coa entrada do outono, os nenos do colexio Antonio Vázquez de Rairiz de Veiga escenifican na explanada do castelo o secular Combate de Mouros e Cristiáns. Feliz iniciativa que suscita o interese dos fieis devotos da Batalla. É a primeira vez que os rapaces se enfrontan a tal desafío no mesmo escenario da tradicional representación. Anos atrás, no propio centro educativo xa se acometera a posta en escena da simbólica loita.


No anuncio do solpor, os pequenos artistas, ataviados como os grandes, ocupan os seus postos coa decisión de quen ten a seguranza de saber das exixencias do espectáculo. Á fronte do exército cristián, a intrépida Carla, magnífica capitá, non para de andar dun lado para outro, activada polo furor presentido. No bando musulmán, o desafiante Juan, o orgulloso rei mouro, mantense firme, dominando a ansiedade crecente. Baixo o toldo protector, o narrador sereno, o David, voz amiga que guía movementos e palabras. Fantástica demostración de memoria e de interpretación, os protagonistas desenvólvense sobre a inmensa escena natural coa destreza e coa determinación do coñecemento. Os desprazamentos dos dous exércitos no campo de batalla son áxiles e seguros, decididos, sen intervalos de dúbida. As longas arengas e o parlamento intimidatorio dos xenerais non teñen segredos para intérpretes tan cualificados. Con fonética e prosodia correctísimas, as súas intervencións resultan espléndidos exercicios de elocuencia que fan sentir ao público expectante as secuencias dramáticas como veraces e vivas, isto é, verosímiles. Magnífica práctica de autenticidade lingüística, expresión de saber e de entusiasmo, orgullo de todos os presentes, que reforza lazos vivenciais e acrecenta a estima do noso.


Acertado preludio da Noite Moura, que celebra o asalto nocturno dos sarracenos á fortaleza cristiá, a dinámica escenificación infantil pon nos rostros dos espectadores silandeiros e sorprendidos marcas de satisfacción íntima ao comprobaren a entrega e a implicación dos máis pequenos coas manifestacións teatrais populares.


Valiosa contribución á historia centenaria do Ataque, á Festa de Mouros e Cristiáns, esta actuación da xeración miúda é garantía certa de continuidade da célebre confrontación bélica.


No éxito da proposta tamén teñen moito que ver os docentes do centro escolar e os responsábeis da organización desta extraordinaria celebración festiva das terras limiás.


Cantos nos sentimos partícipes do evento temos motivos para a satisfacción e a gratitude, que se expresan en entusiastas parabéns para os artífices desta demostración interpretativa. Unha fantasía nova, marabilla de expresión, acompaña a romaría, a festa da Saínza.

Te puede interesar