Opinión

Xesús Alonso Montero: XCV Aniversario

Fomos a Compostela, chuvia fecunda, a escoitar o profesor Xesús Alonso Montero, prodixio de palabra e memoria. Levámoslle a estima, a gratitude e a admiración da Limia (“onde se fala grego”), do Padroado do Museo Etnolóxico da Limia, pola súa participación entusiasta e xenerosa nos actos de recoñecemento do poeta limiao Antón Tovar con motivo do centenario do seu nacemento (A Pereira, 2021) e por nos ter alentado na demanda de dedicación do Día das Letras Galegas ao creador da Pereira. Moito lle agradecemos o extraordinario limiar co que nos agasallou para a Antoloxía Poética (Xerais, 2023) que el mesmo inspirara, promovida polo museo, e a súa participación entusiasta nas exitosas presentacións da obra.

O salón de actos da Facultade de Filoloxía compostelá acolleu, coa coordinación do profesor Henrique Monteagudo, multitudinario acto académico de celebración dos noventa e cinco anos de vida de Alonso Montero, coa asistencia fervorosa de colegas, alumnos e amigos, así como representantes de institucións ou entidades coas que tivo ou ten relación. As palabras do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, do decano da Facultade de Filoloxía, do director do Departamento de Filoloxía Galega e da doutora Dolores Vilavedra coincidiron en salientar a excelencia profesional e humana do homenaxeado, modelo de compromiso intelectual e ético, animador infatigábel do saber, do coñecemento. Axiña despertou a súa angueira lingüística: os ensaios O que cómpre saber da lingua galega (1968) e Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973) coñecen grande difusión. Os cen mellores poemas da lingua galega (1969) inaugura o ronsel luminoso de escolmas e edicións que ha de acometer. No ámbito da creación, déixanos o celebrado Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo (1975). Con estes catro libros, que iluminan os últimos anos dos tempos escuros, xa nos gañara de maneira incondicional para a causa de Galicia e da lingua. Autor de máis de corenta libros de ensaio, escritos en galego ou en castelán, responsábel de máis de vinte escolmas e edicións, sobre todo poéticas, colaborador en innúmeras obras colectivas, e con tempo aínda para a creación (lírica, dramática e narrativa), así como para as colaboracións xornalísticas e en varias revistas. Foros de toda Galicia e de medio mundo teñen gozado coa súa palabra lúcida e comprometida, que nace dunha curiosidade infinita e sempre é portadora de luz, de ensinanza. Unha voz que combate o silencio e o ocultamento.

A intervención do mestre Alonso Montero foi lección emocionada e agradecida de vida, dunha traxectoria existencial de máis de setenta anos de maxisterio exemplar, dentro e fóra das aulas, e que prometeu prolongar alén da centuria. Aproveitou tamén para nos falar do educador Alfredo de la Iglesia, autor do primeiro manual escolar da Literatura Galega, o inédito Resumen de Historia de la Literatura Gallega (Pontevedra, 1920). Para o colofón, apareceu o cantor galego-leonés Amancio Prada, amigo do mestre, “profesor de profesores”, que quixo conmemorar así os cincuenta anos do seu primeiro disco, Vida e Morte, e que nos deleitou coa interpretación da célebre cantiga de Mendiño e unha composición de Rosalía de Castro.

Te puede interesar