Opinión

O COCHE MISTO DAS FEIRAS

Se mal non recordo, o nariz da desgraza amosou co seu cheirume aquel o 18 de febreiro de 1964 nas curvas de Abeleda, á beira do Sil, na estrada de terra que xunguía Castro Caldelas con Monforte de Lemos, o accidente debeu suceder á noitiña. Os veciños de Doade e mailos tendeiros de Monforte, retornaban da feira de Castro apousentados adiante na viaxe de retorno coa parola de cómo lles fora na feira; en troques, na traseira do coche misto, estrada de palla, dúas cabezas de gando, catro ovellas e media ducia de porcos laregos, recadados nun cortello de táboas, competían en laiarse alternando os berros na súa fala de babel, xorda aos ouvidos dos labregos, entretidos na conversa.


Fixeran boa feira en Castro Caldelas, aínda que o Regalado de Gullade, que lucía sombreiro e calzóns de pana, retornaba calado coma un moucho, porque non estivera fino no trato da merca dos bois. Levara consigo, acochados no peto da chambra, unha morea de cartos aforrados; home máis mexericas que varudo -a que mandaba con arroutos sobrados era a muller, naquela derreada no xergón de follas de millo co andazo metido no corpo- quedara canso dos porfiados regateos e de non probar bocado, así que a larota roíalle as tripas coma se foran ratos, avivada co recendo dos caldeiros de polbo. -Canto queres? e logo canto me dás? ti toleas ou estás de broma?? De súpeto, escoitouse unha voz solemne, semellante á do rei Salomón, no medio da tirapuxa: 'Pola metade, e morra o conto!', mais nin por esas afrouxou a carteira o Regalado de Gullade.


'O Troita' de Val do Bolo, pola contra, estivera na feira comendo a eito o 'pulpo' con cachelos, pan, viño da Teixeira e mais a bica mollada nunha copa de licor café na cantina do Grilo. Polo que volteaba alegre presumindo de aixada do trinque para a derrega dos lameiros a máis dun fouciño para achicar os silveiros dos beirís das leiras. Mais, ai carallo! Na curva da serpe da Abeleda, tras un repentino balbordo de berros e de vidros escachados, todo quedou patas arriba. Os tendeiros desapareceron nas augas quedas do encoro. Días despois, na Barxa amosou unha parella envurullada nunha saba que lle servía de mortalla, recibindo sepultura no atrio da igrexa de Sacardebois, pois finaran con pecados de avaricia, repetidos decotío no trato do comercio. E como non hai dúas sen tres, un dos fillos do Petolo, o da empresa do coche da feira, matouno unha chispa.


Tampouco lle sorrira a fortuna ao Regalado que se foi cos cartiños aforrados á outra banda, mentres patexaba contra o destino coa auga entrándolle polos buratos das orellas sen decatarse dos bicos dos peixes rebulindo ao redor, teimando en espilo da chambra e chucharlle as peladuras: Pena dos cartos, ho! O destino do 'Troita', que non deprendera a nadar por mexericas, de aí a ironía do alcume, non foi outro que ser bicada da Troita Vella do Sil. Cando os mozos baixaban ao río á procura da Troita Vella do Cachón da Teixeira, que de cando en cando se deixaba ver, este rapaz mataba o tempo capando o río, con moito xeito iso si, guindándolle lascas de pedra que rebotan sucesivamente na auga queda do encoro, ignorando o dito dos vellos pescadores: Non se collen troitas coas bragas enxoitas!


Nesta última andaina no coche misto, seica estivera a piques de salvar a vida, agarrado ao rabo dun porco larego que nadaba amodo cara á orela de Lemos, no lugar que chaman porta Doada, despois de que o espelido animal brincase á parede dun socalco que quedara ó nivel da auga, o parvo do Troita minguado de corpo coa auga fría do Sil, estirou as mans para abrazar unha lasa que o tentaba, mais a pedra, de corazón duro e moi súa, fuxiu das mans de monicreque ao fondo do embalse non fose o demo que a guindase a un valado para asentala de por vida como tapa dunha parede. Disque o Troita, con menos luces no caletre cós morcegos, arreara na súa procura ao fondo do río. Xa que logo, a Troita Vella, medrada tralos anos nun peixe abisal, que se enseñoraba dende a ponte de Paradela deica á desembocadura do río Mao, antes de acochar no río pequeno de Barxacova, rápida coma un raio polas augas coa boca aberta dunha quenlla, tragou ao Troita de Val do Bolo, pois como di a filosofa dun amigo castelán que presume de sindicalista: 'Los peces grandes se comen a los chicos (y así hacen, con los pobres, los hombres ricos)'.

Te puede interesar