Opinión

Unha incursión no campo das arcas

Do lat. Arca. Caixa, comunmente de madeira sen forrar e con tapa chá que aseguran varios gonzos ou bisagras por un dos lados, e un ou máis cadeados ou fechos polo oposto.
De cando neno, lembro catro arcas de castiñeiro repousando no faio da miña casa que mira á boca do canón do Sil: unha, chea de castañas pilongas; outra, mediada con noces; as demais, baleiras. Arca grande de madeira de castiñeiro, leito de acocho silencioso moi propio para desaparecer os miúdos nos xogos das agachadas, aínda que noutros tempos esvaecidos nas casas ricas, administradoras de foros dos mosteiros da contorna, se gardaban nas arcas, ó abeiro dos ratos e das humidades, atados de foros e arrendos, mercas e xuros de cartos prestados; a mais doutros papeis, a maioría testamentarios tralo pasamento de vidas e de anos; e, de cando en vez, cartos aforrados en moedas de prata e de ouro aínda quentes da venta do viño, da augardente, de bois e becerros, de castañas ou do que for, decotío metidos nas entrañas da roupa para vestir as camas, sabas de fino liño e mantas de la, así como os manteis brancos a cadros que se estendían encima de longas mesas de madeira os días de festa e fanfurriña.
Mais hai outras arcas pechadas no dicionario. Certo. A arca máis común e familiar é a arca do pan ou artesa, tamén ten o seu que de misterio, nunha casa de fachenda e avoengo, o cofre ou arca que garda os tesouros e cousas de valor herdadas dos devanceiros; mais, á veces, un leva un desengano no intre de abrir a tapa das arcas atopando gato pechado, tal foi cos xudeus, Raquel y Vidas, como se pode ler no Primeiro Cantar do Mío Cid, onde se glosa o engano das arcas cargadas de pesada area:/“En dos arcas muy repletas tiene oro fino guardado. / Ya sabéis que don Alfonso de nuestra tierra le ha echado, / aquí se deja heredades, y sus casas y palacios, / no puede llevar las arcas, que le costaría caro, / el Campeador querría dejarlas en vuestras manos empeñadas, / y que, en cambio, les deis dinero prestado"./


Xa suman os anos pasados unha morea, na altura da que a arca tamén era o ataúde onde ía repousar o corpo na hora definitiva trala visita da parca; de finares de resultas dun duelo, por honra ou amor, véxote loitando arca por arca varudo coma un boi. Neste caso falamos da arca do peito; e, se es dos que pasas a criba da rapina como maquía ós orzamentos matinados en beneficio dos cidadáns, e continuares aínda con fame, entón es unha arca sen fondo. Mais ándate con moito tento nos escuros enredos da política, que na arca do avarento o diaño anda dentro.    Quizais saibas gardar os segredos a ti confiados, perante os teus debuxando o perfil de home cabal e discreto, neste caso os meus parabéns que en arca pechada non entran moscas. E, de morares enriba, na Coruña, e che da por ir de andaina ó monte das Arcas, alá atoparás un mangado medorras, mámoas ou arcas; logo, podes baixar ó peirao na procura dunha arca ou dunha dorna: se dás de arca, irás con ela a estribor, a modiño, iso si, no che vaian entrar as arcadas co mareo, que te vexo moi neno nestas singraduras.


No preludio da porta do sono, se repousas como Deus manda, vai e agarra a Biblia na procura da Arca do Testamento (Éx. 25, 10-16) ou da Alianza: despois dunha meditada lectura, comeza de novo polas primeiras páxinas, que a Biblia quere dicir un mangado de libros atados polo vencello de sagrado testamento. O primeiro libro é o Xénese, onde atoparás a Arca de Noé, ateigada deica os topes de animais vestidos de plumas a cores, de brillantes escamas ou de pelo longo ou curto, así se ven na pasarela da fauna, non é? E xa que andas bulindo entre tantos versículos, non me sexas un maula, pasa a listaxe ás parellas de cada especie co gallo dunha repousada escolma da mascota que che cadre a dereitas (Gén. 6-9), que tal como respiras por dentro, así vai ladrar o can na porta da túa casa.
Por outra banda, para rematar esta incursión no campo das arcas, aínda quedan no tinteiro as arcas do Estado, hoxe baleiras pola sangría da crise, esperando como as arcas das uvas de castiñeiro, inchando con auga para a carrexa de negras e brancas, a que canten na vendima polos camiños de carro máis doados da Ribeira Sacra, e que se enchan de cartiños froito de regaladas colleitas que seica se albiscan ó lonxe: disque estamos na espera de anos vindeiros de crecemento e de vacas gordas, que Deus aperta pero non afoga, don Mariano dixit.

Te puede interesar