Opinión

O MAGOSTO DE SAN MARTIÑO DE SACARDEBOIS

Magosto, 'magus ustus', festa máxica ao carón dunha fogueira: culto á fecundidade. Celebración celta de honra á mai terra no equinoccio outonal: o mes noveno do calendario romano. Alfa e mais Omega. Disque o nove é o número do home: nove meses cómpren para nacer; nove, para o día dos Santos, festa do 'Samhain', fin do verán, noite de 'Halloween', de pantasmas, de ánimas e de fadas. A natureza, esgotada tralo estío, vai pegando no sono; en troques, o maxín esperta tecendo lendas entre nubeiros de tempos esvaecidos na altura do ano na que sopran as ventadas, espindo de follas aos castiñeiros do Sagrado. Na caracocha do souto da Casa de Viana, a Parca vestida de loito anda cravuñando a gadaña para lucila nas danzas da morte, antes de petar nas portas de quen quixer, que ela é moi señora, escribindo na súa axenda as necrolóxicas. Axiña, tocarán a defuntos, folliñas que levará o vento, porén no seu canto na vindeira primavera abrollarán outras novas nas pólas liberadas, así foi e seguirá sendo per sécula. O crego tomará os hábitos da néboa que está a suar o río Sil para cantar responsos mudos de despedida, mentres os vellos de Caldelas fan cábalas, agardando a vez para embarcaren na dorna de Caronte. /Lume con recendo, / fogueira de cozos / de caracochas ardendo, / festa dos druídas / é o inicio do inverno: / estoupan os foguetes / nos eidos ermos.


Un vello avó anda queixoso de que xa non quece, pois o sol, peneirado polas nubes do outono, luce morno, porén as castañas louras estoupan no fogar e mais a bota de viño novo a medio encher, coma os peitos dunha muller no outono, dispensando, non dan acougo ao redor do lume do magosto. Primeiro, o lume pobre de frouma e de garabullos; por riba, achas fendidas de carballo: leña seca apañada no monte para alimentar a fogueira da festa familiar e de veciños, de grandes e pequenos nas calendas de San Martiño, día de andaina polo monte de troula cos amigos.'Acabáronse as vendimas / veñen as esfolladas / para comer coas mozas/ catro castañas asadas'.


Maos negras tisnadas do lume para deixar larafuzas a cara rosa da mociña pola que ten o mozo o sentido no aire; en troques, o seu o avó repousa o peso dos anos encima da Pena do Lobo, outeando a quietude do eterno fluír do río, lembrando tempos fuxidíos, mentres a fría pedra lle roe o cu, xa fraco de chicha: paseniño, medindo os pasos coa caxata, retorna ao carón da fogueira que está a recender unha queimada que lle ha de purificar as lembranzas retidas dende entón nos debuxos do seu caletre.


Mentres, en San Martiño de Sacardebois, no berce da Ribeira Sacra, en compensación e como resultas do que din por Castela, el muerto al hoyo y el vivo al bollo, os ribeiraos ofrecen unha fogueira de cozos para quentar o campo da festa e poder así quecer, bailando ao corro dunha muiñeira; puñadas de castañas asadas para quentar as maos e adozar a boca; orquestra Atrévete para a verbena: ollar e danzar deixándote levar polos arrolos do mellor tinto da Ribeira do Sil, gratis; chourizos asados ao inferno quentiños cun anaco de pan aderezados polas mulleres da parroquia, mulleres de campaneiros e papeiros, co gallo de reconfortaren as barriguiñas de naturais e foráneos, tamén gratis; e, mesmo, un mangado de apertas a tódalas persoas que veñan a visitarnos á festa do magosto ao abeiro dunha longa carpa.n

Te puede interesar