Opinión

A TERRA ONDE ME CRIEI

A auga, o aire, o lume e mais a Terra eran os elementos da natureza para Aristóteles. Terra: 'Planeta do sistema solar, terceiro en proximidade ao Sol, que xira arredor deste e arredor de si mesmo e sobre o que existe vida' (RAG). O concepto devandito do planeta Terra, abofé, que me deixa indiferente; non é así coa miña terra que me enmeiga: cando me achego a Parada de Sil, o meu lar, despecho os ollos co luceiro que me guicha polas fendelas da contraventá da alcoba grande da Casa de Viana, onde nacín, e axiña abro as xanelas cara ao val do Sil, engaiolado coa postal que acende os cinco sentidos. Certo. A Terra, que se define no dicionario, non é 'a miña terra, onde me criei', xa que logo dende terras afastadas, a saudade, de decotío inqueda, formiga nas entrañas do meu ser galego, laiándome na triste partida como antano glosara Rosalía: / 'Deixo, en fin, canto ben quero… /Quen puidera non deixar…!'


En Madrid, ninguén se sinte forasteiro: moitos madrileños somos de provincias pobres, herdeiros dun futuro incerto, de subsistencia, que puxemos, de cando mozos, terra por medio á procura doutra terra de promisión. Porén, non botamos terra enriba do que deixamos atrás. A verdade é que lle quero a Madrid: é lei de ben nacidos ser agradecidos, malia que en toda terra espiga o pan; con todo e iso, querida Alejandra, me dirás ti que non somos de onde nacemos, senón da terra na que pacemos, mais eu quero confesarche que non estou namorado dos rañaceos de Madrid: o meu corazón só atopará consolo sosegado ao pé do Mao, río humano, que sempre pasa e sempre queda, no continuo fluír até que repouse de novo no berce da miña terra nai, a que me escriba, co derradeiro bico, o epitafio de despedida, 'Sit tibi terra levis': que no che pese a terra. Non é de recibo escoitar a ninguén que se lamente de que hai que morder a terra, cando se completa o ciclo que dá de si unha vida; o paso á outra banda por estes lares da Ribeira Sacra abofé que non é un drama: o finado, como despedida, decotío dispón a merenda para os que quedan no longo parladoiro de loas e parabéns tralo velorio, sabedor pola curuxa da súa inminente partida: 'Busca viño, busca pan, que mañá te enterrarán'. Un día, desto xa medraron os carballos, abrín os ollos ao carón Sil, por entón libre do encoro con dornas para pasar a Lemos coas nasas e 'galaritos', enxeño de noso para a pesca das fuxidías troitas. Noutra banda son veciñas: As forcadas, Amandi, o santuario de Cadeiras; subindo o Sil, os socalcos de Doade; ao lonxe, Monforte. Eidiños como remendos estampados na aba da señora de Cadeiras de varias formas e cores á medida dos labradores, ribeiráns como gnomos coidando os xardíns de cepas vellas; fragas de carballos que acochan meigos druídas xirando sen acougo o trisquel do tempo; paredes lindeiras que se comen os minifundios espallados entrambas abas do río Sil: terras que baixan precipitadas de traballo heroico que os escravos romanos calzaron, pedras sobre pedra, en liñas de pentagramas que conforman partituras de pataos (que hai que dicir 'socalcos': calzar por debaixo). Terra lixeira e pobre que produce un ronsel de viños ricos de mencía, de godello, de merenzao e de treixadura. Terra de mosteiros e de meigas: Santa Cristina no souto de Merilán, o cenobio de San Adrián no cerengo que sube a San Lorenzo na necrópole medieval de San Vitor; Santo Estevo co desenrolo do románico, gótico e mais barroco, San Pedro de Rocas, mosteiro de Montederramo e mais outros; forcadas de camiños con petos de ánimas, ricas abadías rodeadas de labradores pobres: artesáns por vía de escape á procura do choio onde houber; terra de traballo duro e de escaso pan: a gancha, a fouce de rozar os toxos e mais a gadaña tiran moito de un, traballo de formigas que van polos carreiros unhas tras doutras, mentres chove miudiño por estes lares de canellas por onde camiñan os burros cansos cos sacos de centeo a medio encher cara ao muíño de Entrambosríos. Cestos culeiros ao lombo rubindo as petadas na xeira da vendima; terra inzada de castañas e de cogomelos nos soutos da ribeira do Sil; terra con lentura de berces pobres que deu fillos ilustres e sabios; terra espallada na emigración noutra banda do mar océano, na Europa rica, cos barquillos por Madrid, coas peneiras, coas cestas de froita nas romarías e nas feiras de cerca e trala roda de afiar por eses mundos de Deus.


Terra mimosa dunha Galicia pobre que foi e que xa non é; vidas cargadas de anos que as foi tragando a terra tantas veces dividida, pobreza do agro, para xurdir de novo con aires renovados, como ave Fénix que renace da súa cinsa tras longas noites de pedra de casas con fachenda, pechas e deshabitadas, testemuños do pasado, que pronto serán Patrimonio da Humanidade. Parada de Sil, o berce da Ribeira Sacra.

Te puede interesar