Opinión

Virxilio Fernández González

Alonga e frutífera historia da Coral De Ruada é posible polo empeño que puxeron nesta aventura, iniciada en 1918, moitos homes e mulleres vinculados dun xeito ou doutro con esta institución: presidentes, directivos, directores, coralistas, bailaríns, instrumentistas, actores, declamadores, autoridades, amigos...

Dentro deste numeroso grupo de persoas hai uns nomes propios que debemos ter sempre presentes porque o seu traballo e dedicación foi fundamental para o nacemento e posterior desenvolvemento social e artístico da Coral, para o seu prestixio e para facer de De Ruada unha imprescindible referencia da música popular e polifónica galega ó longo destes máis de 105 anos de vida. Neste grupo ten un lugar de honra Virxilio Fernández González.

Naceu en Beade (Ourense) o 26 de setembro de 1893 e faleceu en Vigo no ano 1978. Delineante de profesión, exerceu como tal na Deputación de Ourense. Do seu matrimonio con Emilia Cañedo naceron os seus tres fillos: Virxilio, Manuel e Antonio. Virxilio Fernández Cañedo, o maior, foi un excelente e recoñecido pintor; Manuel, coñecido como Manulo, emigrou sendo moi novo a Brasil; Antonio, de alcume Réquine, seguiu os pasos do seu pai e na súa xuventude foi gaiteiro da Coral, establecéndose posteriormente en Vigo. Os tres faleceron.

Virxilio foi unha persoa extravertida, simpática, elegante e tivo unha presencia destacada na sociedade ourensá da primeira metade do pasado século.

En 1918, xunto con Xavier Prado Lameiro, Fabriciano Iglesias Abella, Cesáreo Eire Santalla e Xulio Prieto Nespereira forman o núcleo fundador do Coro De Ruada, como se dicía entón, do que Virxilio Fernández sería, ademais, director artístico provisional ata a chegada de Daniel González. Dende ese intre convértese nun dos principais protagonistas de De Ruada. Cómpre sinalar que, case con toda seguridade, se lle debe a Virxilio o nome do Coro, xa que, con anterioridade, tivera un grupo coñecido como “Os d’a ruada”, co que chegou a gañar os primeiros premios de grupos de gaitas e de baile de muiñeira e o segundo de canto de alalás no “Concurso de Gaita, Canto y Bailes Regionales” convocado pola “Liga de Amigos de Lugo”, co gallo das festas de San Froilán, o 10 de outubro de 1915.

Exerceu como directivo en varias ocasións, encargándose de distintas tarefas, entre as que cabe destacar a elaboración dun fermoso e completísimo dossier manuscrito das distintas actividades da Coral, incluída a primeira xeira por Sudamérica de 1931.

Foi un exemplo da defensa, sen concesións, da institución por enriba de personalismos que estiveron a piques de disolver a Coral en varias ocasións durante a súa permanencia na mesma, exemplo que moitos ruadistas invocaron ó longo da historia e invocamos actualmente cando se teñen dado desagradables episodios de protagonismos persoais.

Na Coral foi tenor solista, gaiteiro (un dos mellores do seu tempo, segundo moitos especialistas), zanfonista, bailarín, declamador, actor... Tocaba, ademais, a bandurra, o laúde, a guitarra e o violín.

En maio de 1934 foi convidado polo coro “Anaquiños d’a Terra” de Madrid, xunto con outros ruadistas (Braulio Iglesias, Manuel Alonso, Elpidio Cancela, Jaime Montes, Julio Borrajo, Virginia Nóvoa, Filomena Fernández e Josefa Guede), para participar -como tenor, bailarín, gaiteiro e subdirector- nunha xira por Nova York e Chicago, onde participou na Exposición Mundial que se celebraría nesta última cidade norteamericana.

Foron moitos os ourensáns que poderían dar testemuño da afabilidade e bonhomía de Virxilio, que prodigaba polas rúas e bares da cidade (Mares, Pingallo, Bimba, Campante...), onde espallaba a súa simpatía acompañada, nalgúns casos, de graciosos debuxos alusivos á rota dos viños, aos bébedos...

De Ruada intentou en varias ocasións homenaxear a Virxilio no seu pobo natal, sobre todo hai uns anos, cadrando co Centenario da Coral, pero non foi posible por causas que non me parece oportuno nin elegante relatar nestas liñas. Tivemos que agardar a chegada de Fernando Taboada á alcaldía para que os atrancos mudasen en facilidades e poidamos, por fin, levar a cabo a ansiada homenaxe ao noso co-fundador en Beade. Será ás 11,30 horas do domingo 14 de abril cando se descubra unha placa conmemorativa na súa casa natal, celebrando despois unha misa -na igrexa de Santa María de Beade- e un pequeno concerto ao remate da mesma. Naturalmente, a Coral De Ruada participará cos seus cantos en todos eses actos. De Ruada débelle moito a Virxilio, que ben merece esta homenaxe.

Te puede interesar