Opinión

O Goberno

Debo de ser dos poucos que aínda non escribiron sobre o novo goberno. Talvez porque  os gobernos, coma as persoas, deberían avaliarse polos feitos. E feitos aínda non hai, tan só xestos. O que sobran son opinións, repartidas aproximadamente nun fifty-fifty: a metade ilusionadas con este “dream team” de Pedro Sánchez, e a outra metade cuestionando a lexitimidade democrática do presidente e augurando que todas as pragas de Exipto caerán sobre España.

Respecto á lexitimidade, debería saberse: 1) que a elección do presidente do Goberno de España non se fai por voto directo dos cidadáns: elíxeo o Parlamento de forma indirecta; 2) que a moción de censura é un instrumento plenamente constitucional, e 3) que os votos de todos os deputados, independentistas incluídos, teñen o mesmo valor. Son as regras do xogo. En consecuencia: nos guste máis ou menos Pedro Sánchez, tanto el coma o seu gabinete gozan de total lexitimidade democrática. Por que entón esas dúbidas?  Pois sobre todo, penso eu, polo abuso interesado que ten feito de certos sofismas, especialmente do que afirma que o partido que obtén máis deputados é o que gaña as eleccións: ó  contrario, o partido que obtén máis escanos o que gaña ás veces é un bo desgusto. Pregúntenlle senón a C´s respecto das últimas eleccións en Cataluña. 

Polo demais, ós ilusionados con este goberno recomendaríalles moderación no entusiasmo. Na ciencia militar ensínase que antes de acometer unha batalla –e esta que se  presenta non é pequena-, o xeneral en xefe debe coñecer as forzas coas que conta realmente, e só despois seleccionar ós mellores oficiais para levar a cabo o combate. Aquí paréceme que unha vez o xeneral Sánchez comprobou a escaseza dos seus efectivos, tratou de compensala co centurións de prestixio. E certamente isto pode animar á tropa no curto prazo: pero as forzas son as que son. 

Respecto dos agoiros, conviríalles non confundir os desexos coas realidades. Xa se verá. A política non é unha ciencia exacta, e nunha situación tan turbulenta nada é predicible: basta ver como ocorreu a caída de  Rajoy. E chegados a este punto, case me atrevo a dicir que neste intre a ningún dos catro grandes partidos lle interesan eleccións inmediatas. Moito menos a España.

Pero todo isto non debe facernos esquecer que a situación política de España segue sendo sumamente delicada, mentres a económica vai marchando, e así seguirá, salvo que se nos dea polo suicidio político. Temos un grave problema, que é Cataluña, e un Estado sumamente debilitado, tanto polo efecto interno da corrupción sistémica, que segue aí, coma polo global das “democracia masa”, manipuladas desde as redes e deficitarias de espírito democrático. Encima, o clima político internacional, marcado por unha deriva antieuropea e antidemocrática –que son conceptos converxentes-, non axuda. 

Polo tanto, que non nos confunda esta calma chicha. España enfróntase a grandes desafíos, e precisaría de grandes consensos en temas clave. Necesitaríamos partidos limpos e políticos de altura, que non se movesen exclusivamente polo desexo do poder e dos seus beneficios. Pero, francamente, non vexo nada diso: nin pola banda da Laíño, nin pola banda de Lestrove. 

P.S. Xusto cando estaba rematando este artigo, saltaba o caso do fraude fiscal do ministro de Cultura, que remataba coa súa dimisión en cuestión de horas: non fai máis ca reafirmarme no escrito. Con un engadido: non se busquen virtudes nas feiras de vaidades.

Te puede interesar