Opinión

A Praza Navona e o recinto de San Pío X de Ourense

En 1915, na Primeira Guerra Mundial, uns aeroplanos fotografaban o territorio buscando instalacións inimigas. Afortunada serendipia: a análise detallada das fotogramas permitiu descubrir un xacemento arqueolóxico descoñecido ata o momento. Superada a sorpresa, os arqueólogos viron nesta fortuíta ferramenta interesantes potenciais para a investigación. E non pasaron desapercibidas para prehistoriadores como Osbert Crawdford, que durante aquel conflito mundial serviu no “London Scottish Regiment” e, máis importante, no “Royal Flying Corps”. Progresivamente o emprego da fotografía aérea incrementouse ata hoxe alcanzar un uso normalizado. A posibilidade de observar o territorio dende o aire, a unha altura que permita a perspectiva e visión de conxunto que non é factible a ras de terra, foi todo un logro para a Arqueoloxía. Xa antes houbera intentos. Así, entre a anécdota e o método científico, nos inicios do século XX tomáronse as primeiras fotografías aéreas cun globo aerostático na cidade portuaria romana de Ostia. En 1913, sir Henry Wellcome utilizou un papaventos para fotografar Jebel Moya, o xacemento sudanés que estaba a escavar naquel entón.

Pero a fotografía aérea é excesivamente cara para unha investigación particular. Afortunadamente temos ao noso dispor fotogramas aéreos subministrados polas administracións públicas. Os máis utilizados son os voos de 1945-1946 do Army Map Service de EEUU -chamado “voo americano de 1945”- e o de 1956-1957 -”voo americano de 1956”-, e como non, o efectuado entre 1973 e 1986 polos ministerios de Agricultura, Hacienda, Defensa e do actual Instituto Geográfico Nacional -”voo interministerial”-, ademais dos que proporcionan gratuitamente en Internet o Plan Nacional de Ortofotografía Aérea -os socorridos “PNOA”-, os da Información Xeográfica de Galicia, os de Google Maps e moitos outros que poden utilizar na rede.

Hoxe voulles propoñer unha sinxela observación utilizando o Google Maps que teñen ao seu dispor. Vaian a Roma e localicen dende o aire a fermosa Praza Navona. A modo de curiosidade, lembrarlle que unha das súas fontes, a dos Catro Ríos, utilizouse na versión cinematográfica de 1990 de “Coins in the Fountais”, Moedas na Fonte. Volvendo sobre a fotografía, observen a curiosa forma da praza dende o aire, porque adaptouse ao preexistente Estadio de Domiciano, tamén coñecido como “Circus Agonalis”, onde os atletas competían en carreiras de velocidade a pé. Foi construído polo dito emperador, o derradeiro dos flavios, no ano 85 d. C. e restaurado no século III. O que destaco agora é a forma de estadio, fosilizado no urbanismo actual reconvertido en praza. Despois, tamén co Google Maps, sobrevoemos Ourense por riba do barrio de Mariñamansa. Situémonos na vertical da igrexa de San Pío X, na que Acisclo e Buciños tallaron o grupo escultórico de madeira cun Cristo crucificado, a Virxe e San Xoán. Por medio do visor observen o espazo onde en 1964 se inaugurou o templo. É a evidencia dun impresionante recinto circular preexistente, que non é outra cousa que a fosilización urbana da desaparecida praza de touros construída en 1906, funcionando como “coso” algo máis dunha década.

A fotografía aérea mostra perspectivas completas dos lugares difíciles de percibir nunha ollada a ras de terra, proporcionando imaxes escondidas da cidade e, neste caso, da nosa historia recente.

Te puede interesar