Opinión

As vésperas do noso tempo

Continuamos a visita á exposición “Cidades-Ourense no Tempo”. O poder xurisdicional dos bispos durou uns cinco séculos, e parte do seu declive está na alianza estratéxica da monarquía coa emerxente e próspera burguesía artesá e comercial. A primeira está simbolizada polo brasón da cidade de 1585 cuxa inscrición, “por el rei”, invoca o crecente poder da monarquía sobre os bispos, anticipando o nacemento dos estados modernos centralizados e a eliminación dos poderes locais. A burguesía está representada nunha lámina dunha burguesa ourensá do século XVI, do ilustrador francés de monumentos, planos e prototipos humanos Louis Boudan. A cidade vai reformando e readaptando antigas estruturas, do que da fe o plano de Agustín Cousiño de 1738 da única ponte sobre o Miño, a Ponte Vella, a monumentalización de fontes como a da praza do Bispo Cesáreo, procedente de Oseira e pintada en 1931 por Virxilio Blanco cando aínda se lucía no Posío. E como non, os novos modos e ocio da clase burguesa consolidada na cidade, mostrada nun documento de 1857 que recolle medidas coercitivas para o cuidado do recén creado Xardín Botánico do Posío ou a fotografía dun entroido de inicios do século XX da que destac un neno disfrazado de Abraham Lincoln... no Ourense daquel tempo! Esta clase de ocio e relación social materialízase ademais en asociacións como o “Liceo Recreo de Artesanos”, que nace en 1850, representado por unha das súas esculturas de “negresas”, tan características daqueles momentos, institucións e ambientes. Todo ten que ver co novo pulo que significou para a cidade a súa nova categoría de capital de provincia dende 1833. Poden ver os planos do edificio da Deputación -sede do goberno provincial- de Antonio Crespo, ou a excelente referencia ao “Centro de Instrucción Provincial”, o Instituto, co modelo anatómico desmontable ou “home clástico” do Dr. Auzoux, de 1879, que atesoura o Instituto Otero Pedrayo. Coa onda educativa chegarán ademais persoeiros como Marcelo Macias, creador do Museo Arqueolóxico e xunto con Benito Fernández Alonso ou Manuel Díez Sanjurjo, forma parte da “Comisión de Monumentos de Orense”, ao tempo que influirán en intelectuais como Risco, Cuevillas e Otero-Pedrayo, cun gran peso, sobre todo o primeiro, no nacemento do grupo dos “Artistiñas”, con Acisclo, Quessada, De Dios e outros así como intelectuais da talla de Xocas, Ferro Couselo, Blanco Amor ou Carlos Casares. A exposición mostra obxectos de todos eles e, dalgúns, poderán escoitar as súas voces orixinais. O cartel do Volter -o Tucho-, tallado por Acisclo cun fragmento sobrante de viga do pazo episcopal cedido por Ferro Couselo, é símbolo daquel magma creativo.  

A proliferación de xornais en Ourense, que da conta do seu vigor sociocultural, dificultounos enormemente a selección de cinco rotativas. Están están representados a revista ilustrada “El Heraldo Gallego”, o enxebre e pioneiro na escritura integra en galego “O Tío Marcos da Portela”, o diario xeneralista “La Región”, único supervivente, a revista cultural “Nós” ou o agrarista de Basilio Álvarez “La Zarpa”. A cidade “contada” ou literariamente “narrada” completase con libros como “Aires da Miña Terra”, de Curros Enríquez e na edición orixinal de 1880, “Follatos”, de Filomena dto, “O Porco de Pé”, de Vicente Risco, “A Esmorga” de Blanco Amor ou “Ilustrísima” de Carlos Casares. Continuarmos na próxima entrega.

Te puede interesar