Opinión

Un símbolo ferroviario PRESIDE a Praza da Estación

Miña solidariedade cos veciños da Ponte na defensa do seu símbolo ferroviario que, desgraciadamente, morre día a día, fronte a estación de Ourense Empalme.

A pesares da escasa existencia en Galicia de vellas locomotoras de vapor que, noutros tempos, percorreron a nosa xeografía, actualmente estase a levar iniciativas tendentes á recuperación e conservación de todas aquelas que aínda existen na nosa comunidade. Así, de xeito concreto, o Museo Ferrocarrileiro “John Trulock” dependente da “Fundación Cela”, mailo seu homónimo o “Museo do Ferrocarril” de Monforte de Lemos realizaron no seu día unha importante labor de restauración e posta en funcionamento deste importante legado do pasado.

O xornal “La Región”, datado o 23 de xullo do ano 1976, da conta, na súa portada, da colocación, por parte do Concello de Ourense, da locomotora Zaragoza A, fronte a Estación Empalme de Ourense, como monumento e homenaxe da cidade das Burgas ós ferroviarios da Ponte.

A laboriosa operación do traslado da gran máquina de vapor mailo vagón auxiliar dende os talleres da estación cara ó seu emprazamento actual, no remate da rúa de Xesús Pousa na súa confluencia con Gómez Franqueira, supuxo, nese intre, un enorme esforzo polas grandes dificultades técnicas a superar, fundamentalmente polo tamaño da locomotora mailo seu peso, unhas setenta toneladas e media aproximadamente, sumado á laboriosa colocación da mesma sobre os propios carrís situados por riba da calzada.

A vella máquina de vapor, datada no ano 1927, pertenceu á compañía dos Ferrocarriles Centrales de Aragón, que foi quen a mandou construír, conxuntamente con outras tres unidades máis, todas das mesmas características técnicas; isto é: dun ancho de vía de 1.674 mm, modelo 240, nome 240-2072, construción Tubize, sendo o número da de Ourense o 2047. Só se conservan na actualidade, dúas das tres construídas; a da Ponte maila que se atopa permanentemente exposta no Museo do Ferrocarril, situado na localidade de Vilanova I La Geltru, en Cataluña ademais da xa citada.

No seu día, por parte do seu propietario actual o Concello de Ourense, levouse a cabo un laborioso proceso de restauración da vella locomotora mailo vagón auxiliar, labor tantas veces demandada pola Asociación de Amigos do Ferrocarril e veciños da zona, consistente fundamentalmente na limpeza do soporte, a rexeneración dos elementos de ferro e chapa así como a reparación total da caldeira maila sala de máquinas, ademais da protección integral de todo o conxunto mediante a técnica da aplicación de pintura e vernices anticorrosivos que, deste xeito volta a devolver á maquina a súa forma orixinal construtiva.

O símbolo ferroviario exposto, aparte da súa función de ornato, constitúe unha excelente mostra da enxeñería existente da época, ademais dun permanente símbolo de agradecemento da cidade ó colectivo de persoas que, co seu esforzo e tesón ó fronte destes dragóns de ferro, conxuntamente cos demais membros da entidade ferroviaria pública, souberon traer o benestar, no só para a cidade de Ourense, senón tamén para todo o resto de Galicia.

Te puede interesar