Opinión

Templo expiatorio do Sagrado Corazón, na Carballeira

Iglesia Sagrado Corazón Carballeira
photo_camera Iglesia Sagrado Corazón Carballeira

Durante o século XX a cidade de Ourense sufriu grandes transformacións tanto no seu aspecto social como económico derivado fundamentalmente do traballo de moitas persoas dedicadas á agricultura maila gandería ao pasar a traballar tanto no comercio como na industria. Por esta circunstancia medrou a cidade co aumento de poboación establecéndose nos barrios próximos ao núcleo principal urbano, como é o caso de O Couto, San Francisco, A Carballeira, As Lagoas, Ponte ou Mariñamansa, entre outros.

Na Carballeira formouse un novo barrio no que axiña asentáronse emigrantes provintes tanto das terras de Celanova como de Ramirás, Bande, Cartelle e A Merca. Na barriada de A Carballeira houbo, na súa orixe, unha fábrica de madeira que, no período da denominada “guerra civil” aloxou un determinado número de deportados pertencentes ao bando republicano que realizaron labores co obxectivo de acadar a súa remisión penal.

O solar sobre o que se asenta a igrexa parroquial do Sagrado Corazón orixinalmente o ocupaba unha fábrica de gasosas establecido nun local arrendado ao marqués de Riestra ata que, mediante as xestións a cargo do crego daquela párroco de Santa Eufemia, Amando Araujo, o marqués decidiu doar o citado solar para edificar o actual templo 1.

A Casa de Deus atopábase en avanzado estado de construción no ano 1958, xa a punto do seu remate e inauguración con grande satisfacción da numerosa veciñanza asentada nas novas construcións de vivendas próximas ao templo, edificacións desenroladas na década do ano 1950, baixo o patrocinio da Caja de Ahorros Provincial de Ourense. O templo, constituído como parroquia desligouse da antiga xurisdición relixiosa de Santa Eufemia do Centro pasando a desenrolar independentemente as súas funcións relixiosas.

A igrexa destaca pola sinxeleza da obra deseñada polo arquitecto Manuel Conde Fidalgo, o mesmo autor dos templos de San Pío X e Nosa Señora de Fátima. A portada posúe un arco de medio punto composto por tres arquivoltas formada por vinte doelas ademais de conter xambas e capiteis. Na parte superior, no tímpano, destaca unha talla monocroma do Sagrado Corazón centrado dentro dunha sinxela fornela rectangular. Un pouco máis arriba sitúase o estreito torna chuvias e, sobre el, figura un reloxo eléctrico de grandes proporcións. Curiosamente en desacordo ca costume ordinaria o campanario sitúase sobre a ábsida en vez da fachada como soe ser habitual; parece ser que a causa desta modificación debeuse á pretensión dunha maior sonoridade das campás aínda que, desgraciadamente o efecto non se logrou posiblemente por algunha deficiencia nas propias campás.

A igrexa, de tipo basilical, ten planta rectangular con dúas naves separadas da central mediante altas e lisas columnas protexidas no seu inicio por un revestimento exterior, sosteñen sinxelos arcos de tipo escárzano. O altar maior carece de retablo aínda que recentemente instalouse un grande e bonito Sagrado Corazón, de 2.84 metros de altura que contén no seu interior máis de mil papeis cos nomes dos donantes. A casa construtora da piadosa imaxe foi “Arte Martínez”, de Orchi, Guadalajara, por un importe total de 13.757,70 euros. Acompaña, na nave da Epístola, a imaxe de san José e na do Evanxeo a da Concepción. Á entrada do templo a esquerda sitúase unha imaxe dun Cristo crucificado namentres na dereita, no interior dunha pequena capela, exponse unha interesante imaxe dun Cristo ca Cruz ás Costas, piadosa talla vestida de nazareno, imaxe datada no século XIX, portada en Semana Santa, durante a procesión do Santo Enterro, pola confraría do paso de Xesús Nazareno.

Te puede interesar