Opinión

43 anos dunha realidade cambiante

Galicia, nacionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ó seu autogoberno, de conformidade coa Constitución Española e co presente Estatuto, que é a súa norma institucional básica.”

Mentres esculca o horizonte dende a fiestra dun hotel madrileño, Solovio non comete a estulticia histórica dos galegos de baixa-la cabeza diante de tan magna obra castiza. Ó ceo non se vai só dende Madrid. Non o asolaga a enfermidade letal do prestixio social nin lle preocupa o rexeitamento alleo ás súas evidentes diferencias ideolóxicas e culturais. Lembra que ó Adan e á Eva expulsáronos do paraíso por emporcallaren a súa alma cunha falta grave ó gorentaren o froito prohibido. E se ben nós herdámo-lo pecado orixinal eles, a partir dese intre, foron os mesmos mais non iguais; pensaron distinto, actuaron diferente e viviron en paz, afirmou. Hai corenta e tres anos, os galeguistas celebraron que unha aspiración histórica, adiada moitos anos pola sen razón, materializábase nunha leda realidade. Os de hoxe lembrámo-la sinatura oficial, baixo a forma de lei orgánica, da nosa norma básica como pobo diferenciado, senlleiro e con arelas ancestrais, ó tempo que aspiramos a que Galicia sexa, cada día máis, unha terra de seu, orgullosa do seu e gobernada só polos seus, sentenciou con esperanza.

Recorda o ano 1981; el penaba no primeiro curso do antigo bacharelato. Eran os intres do espertar hormonal, da paixón pola música e das tardes de domingo nos billares; das troulas cos amigos, dos contactos inocentes co sexo feminino e dos primeiros negociados co tabaco, daquela o Fortuna. Solovio vivía alleo á realidade política e social mais tiña no seu maxín a imaxe macabra do intento golpista de había pouco máis de dous meses. Sombra que sempre me asombras. Lembra unha noite longa de angustia ollando a faciana dos pais diante dun novo episodio, outro máis, protagonizado polo espectro fantasmal da España máis castiza e agreste; o vicio histórico español de soluciona-las dificultades con toradas incandescentes de adrenalina baixo a forma de golpes de Estado, pronunciamentos e ditaduras; unha dinámica que se repetía, teimuda, dende os inicios do século XIX. Moitos viron o perigo de que, outra vez, o noso dereito político, coma se for unha onda feble do mar, morrese estéril nas orelas da praia da historia.

Esa noite de abril, corenta e tres anos despois da sinatura oficial do texto fundamental que rexe a nosa vida propia, Solovio pregúntase se non é un labor inconcluso. Sempre defendeu que toda norma nace con, cando menos, dous pecados orixinais: a inxustiza e a imperfección. A inxustiza derivada de que a lei trata como iguais a individuos e institucións naturalmente diferentes e a imperfección derivada dunha realidade cambiante cada minuto. Por iso, sempre avoga polo mecanismo da reforma continua concibida como unha sorte de penitencia sincera que permite limpa-los pecados do pasado e comezar cada día de novo. A vida das persoas e das institucións humanas, sexan da natureza que for, necesitan dun dinamismo vital conducido pola reforma como vehículo que as manteña, en todo tempo e lugar, inseridas na realidade das cousas.

Dende a habitación dun hotel, no edificio España, Solovio goza mentalmente facendo malabarismos ideolóxicos no tellado esvaradío da impertinencia e mailas incorreccións política e social. Pensa distinto, actúa diferente e vive en paz. E pregúntase se, corenta e tres anos despois, os galegos deberiamos repasa-lo estado dos nosos pecados, ou non. De seguro, pensa, Galicia é a mesma mais non igual.

Te puede interesar