Opinión

Nin iguais, nin parecidos

Hai varias frases que moitos cidadáns e cidadás, máis non so, recitan coma se dun mantra se tratara. Entre elas estacan: “Eu non son político” ou “todos os politicos son iguais”. A primeira vai contra da lóxica Aristotélica que define ao home como un animal político (zoon politikón), na medida en que o ser humán non pode ser concebido fora da súa relación co Estado na súa condición de cidadán e cidadá.

A segunda, ao meter a todos “os políticos” nun mesmo saco sen establecer distinción algunha entre quen avoga, honestamente, polo ben común e quen exerce co obxectivo, inconfesable, de pór as institucións públicas ao servizo de intereses privados, ou propios, ten unha serie de connotacións que van máis aló do enunciado en si, e so se pode entender como un mecanismo de lavado da propia conciencia. Hai unha frase do xenial Jaume Perich que ven que nin pintada: “Los que dicen que todos los políticos son iguales suelen conformarse con los peores.”

Estas frases son de todo menos inocentes, e detrás delas hai unha intencionalidade clara. Graváronolo a ferro, e está tan instalado no subconscente colectivo, que mesmo resulta normal que persoas eleitas digan en debates nas institucións “eu non veño aquí a facer política”. Lembra a esa frase que o xenocida Franco lle dixo a Pemán: “haga como yo, non se meta en política”, que non tiña outro obxectivo que o de exercer o control social desde a “non política”.

Detrás desa interesada confusión entre político e partidario hai un movemento, que conseguiu cristalizar nalgúns países, que se agrupa baixo a idea de que a política é unha actividade perniciosa e os políticos (no seu conxunto) uns seres indesexables.

Independentemente da escala territorial onde se produza, o “modus operandi” da apolítica consiste en dicirlle á sociedade o que queren oír en cada momento. Ten moitos vasos comunicantes co populismo. Cando a cidadanía deixa de confiar en que o sistema poida permitir un cambio de goberno que posibilite outras políticas máis favorables aos seus intereses, convértense en seguidores potenciais de calquera que lles prometa unha saída a esa situación de bloqueo, converténdose a “apolítica” nunha especie de sumidoiro por onde se deslizan, xunto a personaxes que chegan de novo á política, individuos desencantados dos partidos tradicionais.

Porque ese apoliticismo é pura ficción e, xa se sabe, que, a diferenza da realidade, a ficción necesita unha lóxica que a explique. Esa lóxica é a esperanza de que, unha vez que se substitúa aos políticos, todos os problemas resolveranse de forma automática. Non é preciso que sexa obxectivamente verdade, só é necesario que sexa subxectivamente crible.

Favorece que diante da suposta incapacidade xeralizada dos políticos, os poderes fácticos adquiran especial relevancia como poderes neutros “apoliticos” e dispoñan de venia para intervir na vida social en interese propio.

Pero mentres haxa crentes, haberá crenzas, porque mentres haxa desesperación, buscarase a esperanza e sempre haberá quen a ofreza aínda que iso supoña unha estafa e un engano.

Convén non esquecer, a antipolítica é a porta de entrada do autoritarismo. Levounos á situación actual no concello de Ourense. É o caldo de cultivo perfecto para que agromen os “Jácomes” de turno, que utilizan as institucións como si foran da súa propiedade. E a estes, e aos que llo permiten, so se lles combate desde a política con MAIÚSCULAS.

Te puede interesar