Opinión

Política de demolición

Os inicios de mandato xa presaxiaban o que ía acontecer despois. Un goberno conformado por unha coalición de intereses con visións e estratexias distintas deixaba entrever que os conflitos ían ser a tónica no día a día. E así está sendo. Das grandes cuestións do Concello, dos proxectos estratéxicos nada de nada. O PXOM durmindo o sono dos xustos no caixón.

No tocante á Praza de Abastos número 1, alén de perder parte da subvención do Estado, non se definiu a tempo o modelo de explotación, nin se abordou a reforma do espazo circundante, nin a integración do aparcamento, nin como se vai acometer o traslado. O temor é que coa praza da Alameda acabe pasando algo semellante ao da Praza de Abastos da Ponte, esa que Jácome dixo que abriría en 90 días.

Pero se por algo se ten caracterizado este mandato é pola política de demolición cultural. As agresións á cultura e aos axentes culturais teñen sido unha constante.

E dentro desa extensísima nómina de damnificados e damnificadas da Cultura está o peche da Universidade Popular. O BNG asume un compromiso inquebrantable en defensa da UPO e da súa recuperación. Ao peche da UPO, súmase o peche do Museo Municipal, un dos elementos referenciais da cultura de Ourense. O espazo Valente aínda segue a ser un espazo expositivo e non administrativo, de momento... Todo aquilo que ten que ver cos nosos sinais de identidade é fulminado de raíz.

As termas pechadas ao público durante meses, os espazos abandoados e degradados, e unha lei do PP, que so cuestionou o BNG, que se carga o noso modelo termal.

Mentres se fan escaleiras mecánicas en Concordia -que dislate!-, hai parroquias do rural e núcleos dentro da propia cidade que aínda non contan a día de hoxe con infraestruturas básicas como abastecemento e saneamento.

En infraestruturas deportivas, o goberno municipal ten demostrado escasa ou nula ambición. Ourense precisa novos equipamentos que corrixan os desequilibrios existentes entre barrios.

Cero políticas para a mocidade. Unha mocidade a que o goberno criminaliza pero á que non lle ofrece a máis mínima alternativa de ocio. O Espazo Lusquiños que se creou durante o bipartito PSOE-BNG, aberto ás manifestacións artísticas e á creatividade da mocidade, leva anos pechado. Este non é o único. A ludoteca das Lagoas, a casa da Maxia, a oficina do Voluntariado, tamén pagaron as consecuencias da desidia e o desinterese. Estes espazos, son un suma e segue doutros que sufriron a mesma sorte: a “Muiñeira”, ou a Oficina Municipal de información ao Consumidor/a, ou o CIE.

En políticas de mobilidade, do conxunto das medidas que se recollen no PEMUS, tan so se puxo 1 en marcha: a da velocidade a 30 quilómetros, e iso porque é unha obriga legal. O transporte público precisa dunha revisión e adaptación das liñas a fin de cubrir as necesidades reais de Ourense, non de ocorrencias.

A zona histórica sofre desde hai anos unha enorme degradación e perda de poboación. O corazón da cidade esmorece sen que por parte do goberno municipal se teña articulado ningunha medida que palíe e mesmo revirta a situación. Desde o BNG levamos tempo presentando iniciativas que contribúan a mellorar a situación e que teñen que ver fundamentalmente cos servizos básicos e a súa mellora. Dotacións fundamentais para a fixación da poboación existente e para facer atractiva a zona para todos aqueles que queren e deciden asentarse nela.

Falta de liderazgo institucional en cuestións tan relevantes como a entrada do AVE en Ourense. Non é baladí o modo e maneira en que o faga.

En materia medioambiental, se por algo se ten caracterizado este goberno é pola pouco ou nula sensibilidade a respecto do medioambiente.

No tocante ás concesións administrativas, xa non é que non se avanzara nada ao respecto, é que a concesión do lixo acaba de rematar a prórroga que estaba estipulada no contrato, e en consecuencia entrar en precario.

O noso concello conta cun inmenso potencial, ten as condicións para ser un referente no conxunto do Estado. Temos os recursos, temos as persoas, o único que fan falla son políticas que poñan en valor eses recursos.

O BNG leva tempo traballando nunha alternativa seria, solvente, para sacar a este concello do precipicio no que está asomado. A nós gústanos ademáis de predicar, dar trigo, e por iso desde xa saímos a rúa para falar coa veciñanza, co conxunto da cidadanía, organizada ou non, para trasladar as nosas propostas, o noso modelo de concello.

Hai un par de refráns galegos moi acaídos: “Deus nos libre dun xa foi” e “agora xa está, Marica non chores”. Queda un ano para o fin do mandato e moitos proxectos no tinteiro. Esa é a parte mala. A parte boa é que está todo por facer, tan so fai falla que as veciñas e veciños aposten por unha alternativa distinta que lle devolva a ilusión e a autoestima de ser de Ourense. Todos e todas somos corresponsables, polo tanto, e facéndolle caso a un bo amigo meu, tomemos boa nota: os experimentos, con gaseosa.

Te puede interesar