Opinión

50 anos de boa música

Amúsica, dende os tempos máis primitivos, sempre foi parella á evolución das sociedades; sempre tivo unha fonda relación coas actividades expresivas dos homes e mulleres que viven neste planeta chamado Terra. E sempre camiñou parella con outras formas de expresión artística para deixar un sesgo, un sinal de identidade, do momento no que se fixo e a sociedade á que pertencía.

E como a música é consustancial á toda a actividade humana, era necesario coñecer mellor as liñas polas que se rixe, pois a chamada música culta non podía ser patrimonio exclusivo dunha determinada clase social, como nalgún momento foi.

Recentemente cumplíronse cincuenta anos da creación de Radio Clásica. Unha emisora que dende novembro de 1965 veu cubrir un espazo nas ondas para difundir a música entendida como arte, dar a coñecer a súa historia e aumentar, desa maneira, a súa valoración e difusión social.

Radio Clásica, ademais de difundir a música, de ter espazos adicados a diferentes estilos, que van dende o clásico ate o jazz e o folk, achegou a todos os sectores sociais ós que naqueles anos lles era case imposible escoitalos por falta de medios e incluso soporte técnico, a miles de autores e creadores do mundo. Creou unha liña de pedagoxía que nos ensinou a valorar compositores, directores e obras; que nos ensinou a entender que son as formas musicais, a estética; coñecer a historia dos xenios mundiais e saber algo do tempo no que viviron, para entender mellor as súas obras. Tamén nos conectou cos grandes auditorios e festivais do mundo para escoitar o que se fai alén das nosas fronteiras.

Na nosa sociedade, a día de hoxe, tan ruidosa e tan atiborrada de musica comercial de baixa calidade e decibelio festivo, a música está a ser instrumentalizada para sermos acríticos compradores. E neste eido a función de Radio Clásica faise moito máis necesaria que en tempos anteriores. Como teño reiterado noutras ocasións, non toda a música é arte nin todo o que é moderno significa progreso. E aínda que cada sociedade ten o seu tempo, os seus problemas e a súa forma de expresión musical, coñecer e afondar na evolución da música permite ver o que outros crean dende un punto de vista máis obxectivo, para poder disfrutalo ou no seu caso criticalo.

E tratando de ser unha fiestra aberta ó arte, Radio Clásica, durante este periodo de 50 anos, traballou a contracorrente para achegarnos a ese mundo tan amplo como fermoso. E ós melómanos abriunos unha porta na que podíamos suplir e escoitar o que noutros medios de comunicación, especialmente TV, non existe nin ten visos de existir. En fin, puxo a música de calidade socializándoa ao alcance de todos. Cuestión que é de agradecer. Polo tanto, longa vida a Radio Clásica e que siga a cumplir moitos anos máis esa fermosa función de difundir a música a traverso das ondas.
 

Te puede interesar