Opinión

A aposta galeguista

Pasada a data do 25 de xullo, os populares ourensáns andan na procura de figuras do pasado local e tratan de convencernos, co seu descafeinado galeguismo, de que son a mellor oferta electoral que teremos para as municipais vindeiras. Mentres un grupo de persoas anda a tecer os fíos para, baixo un nome, que ben puidera ser Coalición Galega, xuntar a todos os grupos que entenden que un nacionalismo centrista e progresista ten un espazo político que deixou a desaparición dos coagas hai anos ó xuntárense cós populares de Fraga, todo a cambio duns postiños na Xunta. 

Non sei cantos intentos xa levan unha forza política que cubra un espazo electoral que hoxe está nas mans dos populares. Un espazo que os seguidores de Feijóo adornan co nome de “galeguismo harmónico”, a sabendas de que de galeguismo nada de nada. “Viñote” lle chamarían na vila onde penso, amo e sinto. O viñote, para os que non o saiban, saía das prensas e das borras do bagazo despois de quitar o viño bo da cuba. Pois iso é o galeguismo descolorido que fixo Feijóo e agora sigue Rueda, Baltar e todos os seus acólitos. Galeguismo que se conforma con repetir o nome moitas veces e darlle unha distinción anual a un persoeiro. Mais, de tentar enfrontarse ós grandes problemas desta terra, como a desfeita do sector primario e a vida no rural, nada de nada. O tema dos incendios sigue lastrando a esta terra igual ou peor que cando Feijóo fixo a foto da mangueiriña hai case 14 anos.

O certo é que nas conversas de xente moi cualificada e sensata, fálase de que o nacionalismo nesta terra leva anos xogando a política do péndulo. Leva anos xogando a ser o apéndice doutras forzas políticas sen aspirar a nada máis. Ou sexa: baixa a esquerda tradicional e suben eles. Mais o graneiro dos populares sigue case intacto. Se perde algo, logo volve a recuperalo. Ademais, o nacionalismo, a día de hoxe, por estar tanto tempo na oposición sigue ancorado únicamente na denuncia e na reclamación, pero sen propostas salientables, pois non asume que, para chegar a encandilar a un sector moito máis amplo de xente, hai que deixar no esquecemento postulados, bandeiras e compañías que en nada axudan a entrar nun espazo político moito máis amplo. 

Recoñezo que o nacionalismo galego fixo cousas importantes; recoñezo que é necesario. Mais tamén vexo que non é capaz de dar o salto e soltar lastre para chegar a todos os galegos. E como nesas andamos, hai xente que non se conforma a seguir ese camiño e quere explorar outras vías que nunca se deberon deixar esquecidas.

Non sei se coallará esta iniciativa de aunar a todos estes grupos que aspiran camiñar co galeguismo como bandeira baixo unha siglas que tiñan un espazo político aberto e un futuro prometedor. Siglas que, morto o fundador e líder, os secundarios entregaron a Fraga favorecendo todo o que veu despois del. 

Esperemos acontecementos e iremos vendo se esta opción se fai realidade.

Te puede interesar