Opinión

A desfeita do rural

Aínda que os problemas estean ben á vista, ó non estaren na mesa onde se decide a política é como se non existiran. Esta é a realidade das cousas, e ven a ser o que acontece dende hai moitos anos cos problemas do sector primario, que é o mesmo falar do mundo rural. Con todo, tivo que ser a decisión dun xulgado, parando a caza nunha comunidade autonóma do Estado, a que puxo en pé de guerra a milleiros de persoas que viven e manteñen viva, a duras penas, unha forma de vida e todo o que con ela vai.

As cidades, que sempre foron o centro onde naceron iniciativas políticas, culturais e de todo tipo, queren impor a súa visión da natureza e ven a vida rural dende un punto de vista de visitantes ocasionais. Polo tanto, de persoas románticas que desfrutan puntualmente da natureza, e non de xentes que o teñen como un medio permanente de vida, onde é necesario manter un equilibrio entre a explotación do medio e o seu mantemento para o futuro das xeracións vindeiras.

As cidades, a industrialización e os servizos foron dende hai moitos anos o centro que atraeu a milleiros de persoas buscando unha vida mellor. E por iso fuxiron do medio rural. Sabémolo ben en Galicia, onde os pobos e aldeas quedan, no mellor dos casos, para a visita do fin de semana e pouco máis. Miles de aldeas comidas polo mato e as silveiras, onde xa non vive ninguén. E diante un panorama de migración interna, que fan os gobernos para, dalgunha maneira, mitigar este éxodo permanente? Moi pouco, ou mellor, nada de nada.

Camiñar pola nosa provincia e ver as terras comidas polo mato é un retrato desalentador. Visitar lugares de suma beleza e velos completamente mortos, sen vida nin alternativas e sen servizos, debera ser motivo dunha grande reflexión. A pregunta está servida: poderán vivir as novas xeracións sen ter un sector primario vivo e activo? Poderán estas nosas terras ser dalgunha maneira rendabilizadas para que nelas se fixe poboación? De momento non hai resposta.

Agora que se achega a primavera xa empezan os incendios a dar a monserga como se fose unha tradición maledicente sobor de nós. Agora volverá o estío, e así levamos máis de 40 anos apagando lumes. E nese periodo de tempo tan longo que se fixo pra modificar dende o poder político a estrutura e planificación da propiedade, para abrila a novas formas de rendabilidade económica. Ren. Houbo intentos no bipartito, mais os populares opuxéronse radicalmente. Seica era algo semellante a unha expropiación das terras.

O presidente Feijoo dixo que esta lexislatura ia ser a do rural en Galicia. Mais o paso do tempo demostra que nada que mereza mención se fixo para o sector primario. Os problemas do rural non están na axenda política. Non teñen presa. E como dixen o principio: problema que non está na mesa das decisións, non existe. Polo que vaticino que o mato e as silveiras seguirán aumentando, incluso nos arredores da cidade, e así iremos esmorecendo ate que alguén sexa capaz de pórlle remedio á desfeita do rural galego.

Te puede interesar