Opinión

Os cidadán decoñecen, esquecen ou toleran?

Nestes días cando os partidos políticos van dando a coñecer o nome dos candidatos para a alcaldía das eleccións do vindeiro ano, son moitas as preguntas que están sen resposta e que darán unha pistas pra, dalgunha maneira, intuir o que pode acontecer no futuro desta cidade.

Sabemos que Jacome xa dixo que ía volver a ser candidato pois xa se postulou. Tamén sabemos que Luis Seara será o candidato do Bng e que os populares chaman ó Sr. Cabezas pra recuperar unha alcaldía, aínda que tenten agochar de que eles son os cómplices da desfeita actual. 

Son consciente de que, os que nos gobernan, non están no Concello por casualidade. Están porque os electores os votaron e polos pactos que conformaron unha maioría pra seguir montados no poder e manter a Deputación. Ou sexa: que se todo vai mal, ou moi mal, como é o caso, tamén os electores temos parte de culpa. E témola porque cremos en apóstolos e falabaratos, e porque nos deixamos enganar a sabendas que o que predicaron estes apostolos non vale ren.

O certo é que hai unha pregunta que seguro moitos ourensás estaran a facerse. É a seguinte: Cando votamos libremente, analizamos o pasado e a forma de actuar desas persoas que nos prometen o ouro e o mouro e logo fan o que lles peta? Ou votamos por inercia ó chou? Somos sabedores das falcatruadas que aquil candidato fixo cando estivo gobernando ou cabdo estaba na oposición? Esquecemos, perdoamos, ou toleramos os desmadres que se fan dende o poder, como se non nos importara o que acontece no Concello?

Nestes días, fálase de que fulano que xa foi alcalde pode liberarnos do estrafalario rexidor que hoxe temos. E digo eu: alguén lembra o tema da Casa de Baños á que se lle quitou a protección do Peri pra especular e facer caixa no urbanismo? Alguén, con un chisco de memoria, lembra o PXOM que foi anulado por unha sentencia xudicial, e outras chapuzas que foron condenadas pola xustiza? 

Son dos que penso que, cecais pola sobresaturación de información, ou porque hai quen non se entera de nada e vota; tamén porque á dereita sempre se lle perdoan todas as barbaridades que fai cando exerce o poder, que imos seguir pasando e tragando estas cousas tan importantes. Ben sei que, mellor co que hoxe hai, calquera persoa será mellor no goberno. Pois a peor non se pode ir. 

Agora, cando xa empezan a soar o nome dos que seran os primeiros espadas na loita electoral do ano vindeiro, é o momento de comezar a mirar máis a esa xente e tomar nota do que din dende un espiritu crítico. Saber do seu pasado; de como actúan e, sobor de todo, ver o que prometen. Pois o tempo das promesas levou a nosa Auria a unha situación escandalosa e deprimente que se mantén por intereses de poder; por intereses de colocar na cadeira de mando a unha persoa que soamente trouxo desleixo e desprestixio pra esta cidade e as súas xentes.

En fin, cada día que pasa estou convencido de que, un gran sector da cidadanía esquece, tolera e perdoa as falcatruadas que algúns fixeron e outros fan hoxe e así nos vai.

Esperemos que as cousas troquen para mellor. Pois de non superar esta pandemia de xente que está no poder polo poder, no concello e na provincia, en Ourense seguiremos sendo o faime rir non so de toda Galicia. Porque máis a peor xa non se pode ir.

Te puede interesar