Opinión

Cousas doutro tempo

Lembro que na nenez e na adolescencia, cando levaba un tempo sen chover e despois de mirar aqueles calendarios de taco que traían o santoral, refráns e ademais anunciaban o tempo, o cura da parroquia, vestido cos atributos correspondentes e seguido dos fregueses, saía en procesión a facer rogativas e a bendicir os campos pra que viñeran as choivas. Eran outros tempos. A agricultura era a base da cativa economía daquela sociedade. Corrían os anos cincuenta e principios dos sesenta do século pasado, e era o tempo do rianxo e dos pementos que saían cara moitas partes de Galicia desta pequena vila naqueles coches Ford e Leylan que tanto nos gustaban ós rapaces. Era o tempo no que a economía se nutría fundamentalmente da venta dos tomates, pementos e demais produtos nas prazas da cidade. Daquelas, aínda viñan os cesteiros á praza de Seixalbo a ofertar os cestos e canastras e arranxar coas vergas de salgueiro os que estaban esnaquizados.

Agora, despois de tantos anos, cando temos tanta información nos teléfonos que levamos con nós; cando escoitamos que a tal hora choverá, así como outros importantes detalles, mirar cara o pasado permítenos ver os grandes cambios que se deron na sociedade, a maioría positivos. Pensar que calquera tempo pasado foi mellor é un verdadeiro erro. Tampouco quero, escudándome nese pasado, xustificar moitas situacións que non me gustan do presente. Non. Pero admitindo que son momentos e tempos distintos, si vexo cuestións positivas que se perderon e que conviría recuperar e protexer.

A primeira, que está a quedar un chisco esquecida, ó respecto á natureza é a solidariedade veciñal que si había naqueles anos. Todos os veciños precisaban de todos e iso axudaba a manter relacións colectivas. A segunda é que cada ano que pasa, as novas xeracións son máis urbanitas e están influenciadas polo individualismo que prove a sociedade de consumo. Lembro ó chamado Club de Amigos, xerme que anos despois foi o lugar onde naceu a coral Agromadas, agora Asociación Cultural. En Seixalbo foi un bo exemplo.

Mais o que me chama a atención é o feito de que, se a terra naqueles anos era o sustento da economía familiar, a día de hoxe, estando maiormente en ermo, comenza a ser unha carga económica para os propietarios polo feito de tela que limpar cada pouco tempo de maleza, todo baixo a ameaza de sancións dos organismos oficiais. Para os que nacemos no rural, parece que nos manca na vista ollar os eidos sen traballar e cheos de silvas. Entendo que pasamos dun tempo agrario a outro industrializado e de servizos; entendo tamén que, a día de hoxe, vívese mellor, mais cústame asimilar que podamos seguir así moito tempo e sobor de todo vivindo de costas ó sector primario. E todo porque este non foi capaz de modernizarse e adaptarse ós novos tempos.

A verdade é que a vida deu un xiro case copernicano. Súmome a pregunta de moitos amigos e veciños: poderemos seguir así vivindo de costas ao sector primario que a natureza nos puxo á beira das nosas casas? O pasado, cando comezan a pesar os anos, volve con forza e é motivo de reflexión nun tempo onde todo camiña de presa, onde todo pasa case voando e onde todos aceptamos sen critica algunha o concepto de modernidade e, ademais facémolo sen decatarmos que ten cousas positivas e cousas negativas.

Non sei ben a razón pola que me lembrei dos anos cando os eidos eran a principal fonte da economía familiar. Tampouco das rogativas que son pasado, pois ninguén cre nelas; do calendario de Zeltia e de como trocaron as cousas nas nosas vidas. E conclúo: cando o cambio climático ameaza, somos conscientes de que vivimos de costas a natureza? E que estamos estragando o noso planeta? As cousas doutro tempo bulen na miña mente e seguen a esperar unha resposta.

Te puede interesar