Opinión

Ditadores coa faciana de demócratas

Achamada Semana Santa é un bo tempo para a reflexión e a meditación. Tamén é un tempo vacacional e de divertimento. Pois ben, un tema para darlle unha volta é pensar no que pode acontecer si hai un conflito bélico mundial. Vivimos tempos políticos nos que moitas nubes escuras son o preludio de que algo moi ruín pode acontecer no planeta Terra. Non sei se é que a historia se repite ciclicamente, pois levamos dende o remate da II Guerra Mundial moitas décadas vivindo en paz; levamos moito tempo cunha estabilidade política que trouxo décadas de crecemento e de benestar, sobor de todo para os cidadáns do continente europeo. 

Na UE xa non falamos de dous sistemas ideolóxicos e económicos distintos no mundo, sistemas que se facían competencia e que puxaban por impoñer o seu modelo no planeta. Non. O capitalismo, coas súas virtudes e contradicións, que son moitas, impera tanto en China como en Rusia e nos estados que noutrora formaron o Telón de Aceiro. O sistema planificado comunista esborrallouse como un castelo de naipes anos atrás. E no mundo só quedan pequenos estados que seguen nesa ditadura. Mais a ambición dun imperialismo comandado polo ex da KGB Putin mételle medo ós pequenos e grandes países desta Europa onde, con certas diferencias e gobernos, existe unha democracia representativa.

Por unha banda, no coloso americano, un narcisista como Trump di publicamente que se non gaña as eleccións haberá un baño de sangue nos EEUU. Mentres, o zar Putin, vestido de demócrata e gañando unhas eleccións feitas á medida do seus intereses despois de eliminar á oposición, lanza veladas ameazas afirmando que ten o seu alcance o mellor arsenal atómico do mundo. E pretende, para a súa gloria imperial, reconquistar os estados que estiveron baixo a órbita da desaparecida Union Soviética.

A invasión e a anexión de parte de Ucraína sacou á luz as debilidades de Occidente, que observa con moita preocupación unha loita entre os bloques por gobernar o mundo. Un mundo que está tomando camiños que nos levan non só a volta da chamada guerra fría, senon a un enfrontamento que pode ser catastrófico.

Moitos son os ditadores que, despois de chegar ó poder, tentan perpetuarse nel e converten a moitas repúblicas nos seus feudos, onde acontecen todo tipo de tiranías. Primeiro eliminan á oposición, logo restrinxen a liberdade de prensa e de movementos das persoas, co que apuntálanse no poder modificando as constitucións como é o caso de Venezuela e Nicaragua, en América, e a mesma Rusia. O obxectivo é eternizarse o maior tempo posible no poder. Non sei se os cidadáns son conscientes de que se Putin gaña a guerra de Ucraína o orde mundial cae ó chan e non vale para nada. Se os dereitos dos estados libres non se respectan e estes poden ser invadidos cando ó veciño imperialista lle pete, xa non haberá lei mundial que poida parar as tropelías das nacións máis fortes que queiran ampliar as súas fronteiras ou, como dicía o nazismo, o espazo vital. 

A orde mundial tambaléase se non se paran determinados conflitos bélicos, co que moita lexislación que afecta a millóns de persoas tamén caerá ó chan. E pode que nos vexamos metidos nunha liorta mundial. E xa se sabe: os conflitos bélicos non traen nunca cousa boa.

Veñen tempos onde están a aparecer mandatarios neofascistas e ditadores vestidos de demócratas. Xente que pon en vilo a paz da orbe. Xa aconteceu en Europa con Hitler. Poñer en entredito a democracia e a convivencia entre os estados e as nacións é o primeiro paso. Despois séguelle desprestixiar a democracia tal como a concebimos en Europa. E eso xa se empeza a ver a día de hoxe. Logo virá un tirano como salvador. E despois laiarémonos. En fin, esperemos acontecementos. 

Te puede interesar