Opinión

Falou un presidente

Poderemos estar ou non de acordo, pero a entrevista do presidente Mas que recentemente fixo nunha televisión, amosou a un líder que, ademais de saber o terreo por onde pisa, é un dirixente que defende os intereses dos cataláns con argumentos sólidos e democraticamente impecables. 

Non cabe a menor dúbida que os problemas políticos non se resolven coa aplicación drástica da lei. Pódense parar momentaneamente, pero seguen á espera dunha solución política. Iso aconteceu no franquismo, condenando ás provincias vascas como traidoras, eliminando as autonomías da República e prohibindo os idiomas distintos ó castelán; e durou un tempo, pero o problema seguiu ate a Constitución do 78, que lle deu unha saída. E agora, despois de máis de trinta anos, as reivindicacións catalanistas fóronse enquistando, e temos un problema que hai que resolver. Todo isto acontece cando nun pobo hai milleiros de persoas que senten e pensan doutra maneira co resto do conxunto do Estado, e ademais son sabedores do seu gran potencial económico, creativo, cultural e emprendedor dentro desta España diversa. É mellor falar para buscar consensos e chegar a acordos, que ter que contestar sempre coa lei na man. Pero acontece que nesta España existen cantidade de cousas que parecen dogmas intocables. Para moitos, por descoñecemento da historia, isto é unha nación única, pero cando unha parte non o acepta e non se sinte a gusto, non parece responsable deixar que o problema se pudra. E iso foi o que aconteceu con Catalunya dende que o Constitucional tombou parte do Estatuto.

Posiblemente se se fixera a consulta a gañen os que queren seguir dentro de España, pero mantendo unha relación diferente no económico e considerando que o Estado é unha nación de nacións. E se iso é a solución, benvida sexa. Pero non, aquí seguimos co lema da nación única. Os pobos son o que queren os seus habitantes, e nada do que hoxe existe, agás as cuestións de fe que son inmutables e escapan á razón, durará eternamente. 

Catalunya, ao igual que Euskadi e a nosa terra, teñen a súa personalidade e o seu idioma, pero a cultura dominante neste solar xeográfico intentou machaconamente afogar a personalidade colectiva destas comunidades, e con elo o espírito e forma de vida; pero os anos pasaron e hai cousas que non mudaron e aínda perduran no tempo.

Cantidade de veces escoitamos dicir que o nacionalismos periféricos son nocivos, perversos e malévolos, e consideramos un único nacionalismo como bo. E, sen sentirse posuidores da razón absoluta, moitos pobos reclaman o dereito a súa existencia, que é tanto como reclamar a súa personalidade para non diluírse nun mundo impersoal e uniformador tan o uso actualmente. En fin, o presidente da Generalitat, na entrevista referida, deu unha lección de saber estar, de defender ós cataláns, e de plantexarlle, argumentando seriamente, as reivindicacións dun pobo que se nega a desaparecer como tal. O goberno do presidente Rajoy ten un problema político serio de encaixe de Catalunya dento da actual Constitución; problema que non se solucionará coa aplicación das leis sen máis. 

Os presidentes das comunidades foron elixidos para defender ás mesmas e os intereses colectivos das súas xentes. Tome nota o presidente Feijoo, pois pola forma de actuar na Xunta máis parece un presidente dunha gran deputación que o representante dunha autonomía con rango de nacionalidade como é Galicia. A súa forma de gobernar, xunto cos seus conselleiros na maioría dos casos, resulta moi negativa para esta terra, e moi pouco respetuosa coa súa lingua e cultura.

Te puede interesar