Opinión

Fariseos

Que vivimos nunha sociedade chea de contradicións ninguén o pode negar. Que ás veces existiron e existen contrariedades entre o que se di e o que se fai, tamén. Un dito popular sempre lembra “facede o que eu vos digo, pero non o que fago”. Pero cando as contradicións son tan grandes, e se vive obcecado en negar a realidade; cando os dirixentes se escudan no victimismo permanente, afloran os comportamentos farisaicos, e iso a sociedade sabeo detectar e, espero, tamén castigar. Unha cousa é ter unha contradición por un casual, e outra é vivir permanentemente instalados na mentira.
Recentemente fixéronse públicas as penas que a xustiza pide para 15 excargos dos populares. E automaticamente a contestación dos dirixentes chamoume a atención: El Partido Popular se declara absolutamente ajeno a los delitos de la trama Gürtel pues no está encausado como tal. E con tales declaracións miles de cidadáns síntense, sentímonos, abraiados. Tal desculpa sona a farsa teatral ou a esperpento de Valle Inclán.


Dende que se descubriu esta inmensa trama corrupta do caso bautizado como Gürtel, asistimos a cantidade de declaracións dos populares. Lembrarei algunha: colocados todos nunha foto de unidade co presidente á fronte dixeron: isto, señores, “es una trama contra el PP”. Logo, despois de aparecer os papeis de Bárcenas nos que se referenciaban os cobros da cúpula en B, falaron de que soamente había unha contabilidade legal. Pois claro. A que é en B é ilegal. A continuación apareceron as mensaxes do presidente ó tesoreiro xa na cadea: “Resiste Luís, resiste”. Despois veu o “contrato en diferido” da Cospedal, menuda coña. E posteriormente un senfín de declaracións e descubrimentos que nos levan a pensar que a merda é tanta que todos quedaríamos abraiados se souberamos máis do asunto.
Agora, cando se piden penas que suman 360 anos para unha ringleira de excargos populares, o silencio impera e, seguindo a folla de ruta que diariamente ven de Xénova, nin sequera existe a máis remota alusión a unha forma de gobernar que imperaba no partido que mandaba no Estado; nin unha pequena alusión a facer un auto de contrición para afirmar que cometéronse graves erros, nos que non se pode volver a caer. Por iso a pregunta é inevitable: quen, no seu san xuízo, pode crer que desta xente virá a limpeza e a rexeneración da vida política?


O refraneiro popular di que “ó zorro pódenlle cortar o rabo, pero non perde as mañas”. A democracia, que ven sendo o menos malo dos réximes para gobernar a sociedade, necesita urxentemente máis que verbas fermosas e promesas incumpridas. Necesita apuntalarse con feitos tanxibles. Por iso, cando todas a formacións políticas falan e alardean de transparencia na xestión, de aceptar as normas de xogo, de respectar a lexislación, os primeiro que teñen que facer é dar exemplo. E sobre todo os partidos que teñen o mandato de gobernar. Eles teñen que ser o espello de referencia, dado que todos miramos con máis intensidade a que nos goberna que á oposición.


Agora, cando os recortes en salarios e dereitos laborais son un feito, aceptar que os que cobran suculentos emolumentos teñan primas en B é unha vergoña. Agora, cando se sabe que as tramas de corrupción que pululan arredor do goberno eran parte do sustento económico do partido, e son moitos os excargos que se sentarán no banquiño dos acusados, non vale dicir que son actuacións de persoas a título individual. Non. Hai que asumir que ate hai uns anos gobernar recibindo cartos para a formación política era algo habitual nas altas esferas do poder, e que iso implicaba acceder a grandes contratas, por non falar doutras cousas que son delito.


A rexeneración democrática nunca virá cargándolle a culpa a unhas cantas persoas, pois estas non actuaban por libre recadando as doacións sen que o presidente e demais cargos directivos estiveran ó tanto. Non. Por iso, moitos cidadáns verán que tirando balóns fora, ou esquecéndose intencionadamente do asunto, estanse a tapar actuacións punibles. E verán claramente unha forma de actuar irresponsable e non dubidarán en lembrarse da verba fariseos.

Te puede interesar