Opinión

Unhas festas sen personalidade

Pedicar e prometer é moi sinxelo. Criticar e desfacer o que hai tamén. Construir e crear comunidade resulta complexo e difícil. Unha amiga sempre me lembraba que ela sería moi boa concelleira da oposición, pois o de gobernar e facer cousas positivas a favor da comunidade resulta moito máis complexo que criticar e desfacer o que xa funciona. E a ela, a crítica resúltalle moi sinxelo facela, mais o gobernar parécelle complicado. Denunciar e prometer non é unha garantía de que logo un sexa un bo gobernante. E á situación presente do Concello das Burgas remítome. 

Seguindo o fío do anterior, lembro algunhas das promesas que facía o actual alcalde que agora malgoberna o noso concello. E para tal lembranza so falarei das festas da nosa cidade. Dicía o noso insigne rexedor que había que darlle unha volta ás festas e pasalas para outras datas, pois o que se viña facendo ata o momento era pouco menos que unha trapallada. O certo é que van xa tres anos dende que este señor nos goberna, e agora decatámonos de que na cidade estes días houbo festas. E foi porque cortaron a rúa do Progreso para pór alí unha orquestra e poder bailar sobor do asfalto. Tamén decatámonos de que o anuncio que se fixo delas foi moi orixinal, pois valeu unha plantilla á que todos temos acceso para facelo. Tampouco houbo un programa como noutras ocasións. En realidade, non houbo festas. As chamadas noutrora Festas do Corpus pasaron con máis pena que gloria a pesares do que diga Jácome e os seus mariachis. 

Concordo que as Festas de Ourense ano tras ano camiñan cara a súa desaparición. E tamén que perderon o engado que tiñan anos atrás. Concordo tamén que, mentres no Concello alguén non abra un período de reflexión sosegado para tocar o seu errático camiñar, todo seguirá indo a menos. Para que eso non aconteza, entendo que é preciso que alguén con sentidiño e mesura abra un debate sosegado e propoña solucións sobor da mesa.

Son dos que penso que hai que facer, cun grupo de xente que coñeza ben a historia desta cidade, un plantexamento total das Festas do Corpus, como así se chamaban. Un plantexamento que supere o feito festivo tal como está concebido hoxe. É preciso imprimirlle as festas un sesgo cultural que una ás xentes deste concello. Ou sexa: un nexo común que una a todos os ourensáns. 

E nese senso podería estar todo o que significou a Xeración Nós e o intento de lembrar o que foi a Bela Auria dese tempo. A día de hoxe, as festas maiores se non teñen unha personalidade que se base nalgún feito salientable co que se identifique a cidadanía, serán festas como tantas outras onde so hai baile de salsa e bachata. Ou sexa sen raíz e sen sentido de cidade.

Tamén entendo que tal reformulación non debera ser un impedimento para que outros feitos e orixes tradicionais se teñan que perder. Mais o que si é moi importante para que o feito cultural e participativo sexa exitoso é afianzar a participación da veciñanza. E para eso é fundamental ter nunha boa rede e infraestrutura cultural e social. E nese senso nesta cidade andamos moi mal. A día de hoxe a infraestrutura actual, entendendo como tal que existan moitas asociación culturais e veciñais que funcionen, é moi precaria. É peor que nas últimas décadas dos anos sesenta e setenta do século pasado. E todo isto pasa porque hoxe so se aposta por unha axenda lúdica e festeira baseada na cultura estándar que nos uniformiza e despersoaliza; traer actuacións estrela e nada máis.

Se queremos ter unhas festas con personalidade propia que superen ás de calquera pobo ou vila, haberá que, por riba dos intereses partidarios e electorais, poñerse mans á obra e trocar o paso actual que nos leva cara a nada. E superar un tempo escuro, onde as promesas, denuncias e a de desfeita cultural campan as súas anchas. Queda claro que, como dicía a miña amiga, denunciar, prometer e desfacer é moi sinxelo, pero construír, integrar e crear unidade veciñal é moito máis complexo. E en Ourense levamos un tempo desfacendo e sen facer nada positivo.

Te puede interesar