Opinión

O frentismo: solución ou problema

Apolítica deberá ser sempre un lugar de encontro para a solución de problemas colectivos, e polo tan to tería que camiñar permanentemente buscando consensos. Isto que afirmo hai que poñelo en marcha, alomenos no referido a temas vitais e leis importantes que pretenden durar e ser utilizadas por gobernos de distinto signo político. Pensemos na lei de educación do PP, que empeza a funcionar en parte neste curso; na da reforma das eleccións que se quere impor, etc. A práctica do consenso dalle estabilidade e progreso a unha sociedade moderna. Pero, cando a carga ideolóxica, as verdades únicas e os intereses ocultos de grupos afloran e saen á luz, a acción política revístese dun fariseísmo que o complica todo. E como consecuencia dunha visión extremadamente ideoloxizada, que agocha compromisos ocultos, nace a afirmación, un tanto caprichosa, que oferta consenso, pero que di que si non o hai, a reforma proposta sairá adiante de todas maneiras. 

Todo isto acontece cando se quere monopolizar como única a representación dun territorio ou dun estado e aparecen as proclamas de facer un frente para solucionar un problema de fondas raíces políticas que necesita de moito consenso. 

Hai uns días, os populares lanzaron a idea de facer unha alianza frentista para frear o referéndum que propón o presidente catalán, Artur Mas. E como soamente unha forza política acolleu a idea e mostrouse presta para falar, aparece a acusación de que os que teñen unha visión distinta de España non pretenden manter a unidade política do territorio. Craso erro. O máis xusto sería dicir que non comparten o modelo unitario actual e fan propostas distintas á dos populares, pero non rupturistas. Cabería preguntarse se o frentismo é máis un problema que unha solución. Cando unha forza política toma a decisión de facer unha fronte, está transmitindo básicamente dúas mensaxes: a primeira é que esta forza considera que a súa visión da realidade é a que se quere impor, e polo tanto é a única e verdadeira; e a segunda é que non está disposta ó dialogo e, polo tanto, a admitir e discutir principios políticos que non sexan os que ela considera inalterables. O frentismo na nosa historia sempre estivo presente. Basta lembrar o Frente Popular de 1935. Ssi esta forma de ver a política se impón, a maioría que aproba sen consenso normas que mutilan a democracia está animando tamén ó nacemento dun frente antipopular.

O problema catalán, como outros que poden xurdir, por mor desa visión da única nación, camiña cara un enconamento difícil de solucionar. O máis seguro é que non haxa referéndum, aínda que iste non fora vinculante e tivera soamente un valor consultivo. Pero, con consulta ou sin ela, as sociedades son mutables e, como teño reiterado, o catastro político e territorial tamén. Nese senso, non hai máis que visualizar a historia dos último douscentos anos de Europa. 

Non importa que a soberanía a decida o conxunto do Estado, pois cando un membro se quere arredar da casa común, non haberá maneira de evitalo. E soio se solucionará o problema mediante o diálogo e o consenso. Por tal razón, o frentismo case sempre resulta ser máis un estorbo que unha saída airosa para arranxar un problema como, neste caso, é o catalán.

Te puede interesar