Opinión

Fun cantando un alalá

Fun cantado un alalá pra alixeirar o camiño,/ tantas veces o cantei que se fixo meu amigo.

Fun cantando un alalá pra levar mellor a andaina,/ e decateime que o canto cura as penas da alma.

Cantai rapaces cantai, que o cantar sempre fai ben,/ que o dia que non cantedes algo en vós está a morrer.

Canto que sae da alma, vive sempre na memoria,/ e lembra tempos pasados que agora xa son historia.

Fun cantando u alalá entre os carballos e os bidos,/ e os paxaros que voaban tamén cantaban comigo.

E sentinme tan contento que esquecín penas e prantos,/ e agora, sempre que podo, camiño ledo cantando.

Fun cantando un alalá pra alixeirar o camiño/ e fuxir da soidades e as trasnadas do destino.

Pra fuxir de moitos males, eu sigo cantando agora,/ pois o canto é vos pra todos: menciña liberadora.

 

Tempo de verán. No país, a pesares da vaga de calor e dos grandes incendios, hai festas e festivais por tódolos recunchos. Os programas dos concellos tentan ofertarlle ós cidadáns alternativas culturais e lúdicas. Na cidade das Burgas todo sigue escuro, nada salientable se espera e a desfeita cultural continúa capitaneada polo alcalde Jácome. Mais, a pesares da gravidade dos lumes e da seca, o que manda en toda Galicia son as festas populares, os santos e os produtos da terra e do mar. A xente, despois de dous anos de silencio, quere saír e sentir a ledicia de vivir; a ledicia de falar cos demais, de verse e darse un beixo nas meixelas. En fin, de desfrutar da compaña de amigos e da familia e de esquecer as trasnadas da covid, da guerra de Ucraína, dos problemas do medio natural e de todo aquelo que nos quita o sono.

E os versos do principio tráenme á memoria os tempos daquelas festas nas que aínda non chegaran esas amplificacións que nos abouxan e impiden as conversacións. Os músicos tocaban a pelo e sen tantos artiluxios ou con sinxelos autofalantes colocados de árbore en árbore como acontecía no Xardín do Posío. Mais daquelas podíase falar coa parella e manter unha conversa fluida. Eran os anos da orquestra Auria, dos Arquinos e outras. O obxectivo era o baile, a diversión e buscar unha relación de amizade ou do que fora. Agora, nos tempos que corren, ademais de non poder falar, tampouco os mozos e mozas cantan. Todo quedou como unha lembranza do pasado. Tristemente, entre o volume das amplificacións e as estridencias musicais de moitos grupos, xa non se pode cantar nin se entende o que din dende eses palcos cheos de luces, pois bérrase e todo é balbordo. As festas, que son a alma dos pobos e aldeas, trocaron o paso e xa non son o que eran. Di un refrán que quen canta os seus males espanta. E, en certa medida, é verdade. Pois ben, agora que, na teoría, os rapaces saben máis de música, pois nos colexios os mestres ensínanos a cantar, cando chegan esas festas, o que manda xa non é o canto: son os decibelios. E con tanto volume nin se pode cantar nin falar. O abuso dos medios electrónicos non axuda ren a mellorar as condicións musicais. Non hai moito tempo estiven no Principal desta cidade escoitando un concerto de Xabier Díaz, e si había unha pequena amplificación. Mais resultaba agradable. E sabedes o que máis me gustou do concerto? Pois foi cando o público cantaba parte das cancións e os retrousos. Ese feito levou o artista a dicir: que ben se canta en Ourense, parecedes a coral De Ruada. A técnica, na súa xusta medida, é un bo complemento para a música. Máis cando abouxa é un indicativo da mediocridade dos que a empregan. Cantar non é berrar nin escudarse no abuso dos decibelios que tanto molestan.

En fin, os versos do principio recórdanme os tempos de cando ía ás mozas. Cando a xente con moi poucos medios cantaba na rúa, cando saía de ronda, cando entonaba cancións despois do xantar ou cando cantaba nas igrexas do pais. Agora xa non se fala nin se canta. Por eso, eses versos sinxelos son versos que serven para lembrar dúas cousas: a primeira é que o canto sempre fai ben, pois é menciña liberadora que axuda a liberarnos, fuxir dos problemas e vivir ledamente. A segunda é que cantar forma parte da nosa vida e tamén axuda a exercitar as cordas vocais, que son un elemento vital pra comunicarnos. O de berrar non é cantar nin axuda a nada. Por iso, hai moitos anos, “fun cantando un alalá” e a pesares do que acontece na nosa vida, do balbordo que nos invade, cando podo, sigo cantando.

Te puede interesar