Opinión

Lembranza e memoria

O noso camposanto cheo de flores facía máis activa a memoria e lembraba ás persoas queridas que aínda viven na nosa mente. E dentro da herdada anarquía arquitectónica destes espazo sacro do rural ourensán, todo parecía distinto; todo parecía máis fermoso e máis entrañable. Era o momento para o recordo, para a reflexión sobre a vida e a morte e tamén para a saudade.


Nese día tan marcado do ano, a petición da Asociación de Funcionarios pola Normalización da Lingua, e organizado pola Asociación de Veciños San Breixo e a Asociación Cultural Agromadas, tamén houbo tempo para, no muro da entrada principal, descubrir, como ven acontecendo en moitos cemiterios da nosa terra, unha placa de pedra do país para lembrar a Memoria Lingüística dos que repousan nel e que foron, ó marxe dos poderes políticos, eclesiásticos, e en definitiva oficiais, os que mantiveron vivo o noso idioma ata os nosos días. O texto di: “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, pois grazas a elas Galicia tivo cultura e lingua de seu” 


No acto houbo verbas de recoñecemento, reivindicacións e reclamación de autoestima para todo o noso, pois se nos sentimos orgullosos das nosas cousas estaremos realizándonos mellor como persoas e como comunidade. Na lingua vai inmersa unha forma de vida e de ver o mundo; vai a nosa maneira de chamarlle as cousas, de arrolar o neno no berce, de cantarlle ós que non están, de sermos nós. E isto labrouse en milleiros de anos por centenares de xeracións, pois un idioma non é o froito dun curto espazo de tempo.

E grazas a esas persoas, sobre todo as máis humildes; ás xentes destes lugares, dos nosos pobos e aldeas, mantívose viva unha lingua condenada, salvo en curtos períodos de tempo, á marxinación dende os chamados Reis Católicos ate o final do franquismo. Pero as nosas xentes resistiron fronte ós que dende o poder impoñían un idioma e se mofaban dos habitantes galaicos chamándolles “paletos e aldeanos” se non falabas a lingua oficial do poder. Nesta acto falouse tamén de globalización económica, que nos arrastra cara a unha globalización cultural que pode ter algúns elementos positivos, pero que destrúe a diversidade e crea un monocultivo que nos despersonaliza como pobo e como persoas para converternos en masa uniforme e pura estadística.
Houbo no acto poesía sentida e amable; tamén unha oración e, como en case todo o que se fai na nosa vida, non podía faltar o canto, que nesta ocasión estivo realizado polo grupo Voces de Seixalbo.


Ademais do sinalado, tamén tivo un espazo a lembranza para o traballo en común nesta nosa vila. Falouse de unión colectiva para seguir medrando como lugar con características propias; para seguir a recuperar o noso patrimonio. Lembrouse a Seixalbo como lugar de vangarda social, pois os foros redimíronse no 1859, cen anos antes que no resto de Galicia. 
En fin, acto emotivo onde os houbera, que tivo como testemuñas os nosos veciños. E que contou coa presencia do Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador, e coa colaboración da parroquia. Loado sexa.
 

Te puede interesar