Opinión

Un líder cos pes na terra

Despois dun longo tempo de silencio, falou Quintana. E fíxoo no centro cultural que leva o nome dun ilustre nacionalista: Marcos Valcárcel. Na comparecencia, co local ateigado de público, maiormente galeguista e nacionalista, deu un repaso de como ve a Galicia nun momento no que é posible que teñamos preto modificacións que afecten ó modelo territorial do Estado. O título da conferencia foi “Que pasa con Galicia”. E con voz segura, e sen ataduras partidarias que o coartaran, analizou os problemas que ten esta terra, para afirmar que o nacionalismo, tal como el o entende, non é de esquerdas nin de dereitas, polo que animou ó inicio dun diálogo aberto que posibilite unha unión na acción na defensa dos intereses colectivos da nosa comunidade. Vinculou o nacionalismo coa proposta política que serve para unir os galegos na procura dun maior benestar social, desenvolvendo e potenciando a nosa autoestima para beneficiarnos do aproveitamento dos sectores estratéxicos, hoxe en crise, como a agricultura, a industria, a gandería e a pesca. Sectores que son a base fundamental da economía desta terra. E desta maneira, paso a paso, con exemplos sinxelos e moi claros, sen nomear ningunha sigla, foi demostrando que a estratexia política que en diversos grupos impera de falar, exclusivamente, dun nacionalismo de esquerdas, ou de esquerdas e dereitas, ven ser un tanto equívoca e errada. Os problemas importantes nesta terra no radican nos conflitos entre patróns e obreiros, con ser estes importantes; os máis relevantes son aqueles que impiden que os nosos sectores básicos se poidan desenvolver, cuestión hoxe imposible polas políticas que aplican o Goberno central e a Unión Europea.

Tamén falou do que se entende por nacionalista e galeguista, e amosou un punto de vista contrario a entender que soamente son nacionalistas e galeguistas aqueles que falan galego. Mensaxe con carga de fondura, para aclarar que ninguén dá carnés de galeguismo e que a política levada ate hoxe neste eido ten que ser revisada.

Galicia vive nun momento crucial, pois cando se albisca unha reforma constitucional, aparece con suma debilidade política na defensa dos intereses colectivos tanto en Madrid como en Bruselas. Por iso Quin, coa súa verba encendida, veu para dicirnos a todos que é a hora de abrir unha fonda reflexión, pois avecíñanse tempos de transición. E chamou a atención de que temos que ser capaces de superar enfrontamentos ideolóxicos, para darlle paso a un nacionalismo moderno, menos mimetizador doutros do Estado, e que fuxa da copia de correntes ideolóxicas foráneas, que puderon valer para un tempo, e percíbense hoxe como fora de lugar. 

Evidentemente que non é o momento de mirar ó pasado con ánimo crítico negativo, pero si para facer unha fonda reflexión que nos leve a buscar fórmulas que permitan que o ideario galeguista, que foi a base do nacemento dun nacionalismo cívico, anime a acción política necesaria para iste país. 

Ourense, berce do galeguismo de Risco, Otero Pedrayo e outros, foi o lugar onde ó único lider capaz de unir vontades e forzas para defender os intereses desta terra lanzou unha proposta de unidade de acción. Nos últimos anos estamos a asistir á perda de institucións e empresas emblemáticas, diante a pasividade dun Goberno que ve a Galicia como unha mera descentralización administrativa ou, o que é pior, como unha gran deputación interprovincial, sen nada que ofertar para o futuro.

Rematou a conferencia co anuncio de que está disposto a colaborar no que humildemente poida para reflotar o galeguismo, ou se o prefiren o nacionalismo galego. En fin, ábrese unha porta á esperanza, que posiblemente terá que empezar despois das próximas municipais, e así tentar situar ó nacionalismo á altura dos tempos, e facerlle unha oferta política interesante a todos os galegos, cuestión que será moi positiva para Galicia e todos os habitantes desta terra.

Te puede interesar