Música enlatada

A renuncia a música en directo, non sei se por cuestións económicas ou por pura comodidade, impúxose dende hai uns anos en todos os festivais de música lixeira. Lonxe quedan aqueles certames onde músicos e cantantes se enfrontaban ó público temerosos dun erro deles ou da orquestra. A técnica permite moitas cousas, pero o seu exceso destrúe e minimiza a capacidade artística e creativa dos que aínda ven e senten a musica como un arte.

A verdade é que non chegaba dabondo con que na maioría dos concursos televisivos e programas con actuacións musicais fixeran uso e abuso deste xeito de presentarnos os grupos e as súas cancións, senon que, no festival de Eurovisión, tamén síguense os mesmos pasos, ou sexa: acompañar ós cantantes coa música que xa está gravada. A técnica actual ten moito de fantasía teatreira e nestes asuntos hai moitas posibilidades que permiten a simulación da realidade. Esta maneira de presentarnos a música é un tanto fraudulenta e debo afirmar que a discrepancia é total, aínda que os que lle poñen voz actúen en directo. Pero os acompañamentos son enlatados ou prefabricados, por empregar un termo case industrial pero actual, e iso réstalle valor ó espectáculo.

Non hai moitos anos puiden comprobar que, na maioría dos programas musicais incluíndo os televisivos, todo o que escoitamos foi elaborado nun estudio facendo as correcións cos programas informáticos correspondentes. E así, a capacidade artística e, dentro dela, os matices que lle dan sabor a unha interpretación, pasan case a desaparecer, e a música en directo, ó caixón do esquecemento. Vamos que, como foi o caso do festival eurovisivo, estamos díante un karaoke de grandes dimensións.

Recentemente asistín a un concerto de música onde os intérpretes simulaban que tocaban, e todo ía con normalidade ate que se foi a electricidade. Eles pararon e cando estaban falando empezou a música a tocar de novo e eles nas pavías. Todo un espectáculo e un ridículo. Despois, tempo máis tarde, souben que hai empresas que fan arranxos para orquestras das pezas do momento. Claro, tes que dicirlle cantos son os membros da orquestra e que instrumentos teñen, e eles prepárano a medida do que pides. Logo ti pos a voz e os acompañantes fan o paripé no escenario.

Se tivera que destacar algo no festival eurovisivo último, sinalaría unicamente a actuación fora de concurso de Salvador Sobral, Caetano Veloso e o pianista. Eles si tocaron e fixérono todo en directo e ademais moi ben. O demais, as outras cantigas, todas foron acompañadas con música enlatada, toda semellante ós espectáculos de discoteca ó que se asemellou o festival. 

En fin, tristes tempos para aqueles que preparan un concerto, que estudian horas e horas para tocar en directo e que se enfrontan diante o público sabedores de que un pode enganarse ou esquecerse dunha pasaxe. Que matizan e lle dan color ás interpretacións, etc. E digo triste, pois ás veces a música enlatada da o pego, pero non é máis ca un fraude en toda regla. Pero atención: fraude ó que nos estamos habituando.