Opinión

De novo o transvase de votos

Todo seguirá igual nesta terra. Confírmase que os galegos somos conservadores por natureza. Cinco maiorías absolutas son moitas. Dende a chegada da democracia, en Ourense sempre mandaron os de sempre. Na Deputación levan toda a vida e, salvando uns catro anos, nas demais institucións tamén. O PP saíu reforzado dunhas eleccións convocadas no tempo do Entroido. A mobilización que se supoñía lle daría máis votos á esquerda resultou ser un acicate que moveu á dereita e reforzou a súa presenza, pois o número de votos dos conservadores aumentou. O BNG mellorou moito os seus resultados, mais fíxoo, como xa aconteceu noutros procesos, a costa do PSOE. Polo que o transvase sempre acontece no chamado voto da esquerda, mentres o PP non cede ningunha papeleta. Mellor, perdendo dous escanos, aumenta o seu peso en votos nesta terra galaica. Se acaso, no único lugar onde perde algo, pero acada os mesmos representantes, é en Ourense.

Atrás quedan os problemas sanitarios, as listas de espera, o voto dos populares contra a devolución da autovía de peaxe que vai de norte a sur nesta terra, os graves problemas que ten o sector primario e o rural galego, e un sin fin de asuntos máis que non procede mentar.

Os galegos somos xente de paz, tranquila e moi comedida para dar pasos cara ter unha mellor consideración social e reforzar o noso nivel de vida. Témoslle medo ó futuro. Somos, polo tanto, moi fieis co chamado conservadurismo que soamente oferta un continuismo raquítico e miserento. 

Hai uns días, nun acto político, un candidato dicía que a Galicia faltáballe na súa estruturación política unha forza que fora quen de quitarlle votos ó PP. E poida que teña moita razón. Os populares semella que non teñen límite electoral. Non hai quen lles entre no saco para restarlle apoios. Certo é que a campaña moderada da señora Pontón, esquecendo soberanías e póndose a falar do que é a realidade social do país, amosou un BNG máis amable. Un Bloque que está máis preto dos problemas dos cidadáns. Con todo, dubido que eso sexa o suficiente para manter e crear unha ilusión que os leve cara un trunfo electoral e a gobernar en San Caetano.

O transvase de votos ven acontecendo en Galicia con certa frecuencia. Cando o PSOE baixa, sube o BNG, e cando veñen as eleccións do Estado, o voto toma outra dirección. Entrarlle no saco ó PP semella hoxe unha tarefa moi complicada. E que o BNG, pola súa configuración interna e ideolóxica, sexa capaz de situarse nunha liña reivindicativa que non lle meta medo e arrede do voto a moitos galegos é difícil. Tamén semella moi complicado argallar unha forza política como foi Coalición Galega para que lle dispute o voto ós populares. Galicia, cos resultados deste 18F, amosou que é fondamente conservadora e que non se fía das ofertas que lle fai a esquerda. O acontecido nestas eleccións debera ser motivo dunha fonda reflexión. Debera ser o acicate para que moitos pensen no pais real e deixen de soñar cun país imaxinario, que é o que ven acontecendo hai moitos anos. Ou sexa: baixar a realidade e poñerse á altura dela e traballar por mellorala chanzo a chanzo. Pode que en futuras convocatorias electorais volva a acontecer o transvase de votos sin entrarlle no saco ós populares. O camiño que marcou Pontón pode ser a liña a seguir, mais aínda hai moito que pulir e moderar para engaiolar á maioría social dos galegos. 

Te puede interesar