Opinión

Os problemas dos urbanos

O que non sabe onde vai non chega a ningures.

 Seguindo co tema dos autobuses urbanos, e aclarando un erro no anterior artigo, pois o Concello de Ourense chega ate o río Barbantiño e non como afirmei ó Viñao. Paso a sinalar algúns dos problemas e eivas que hoxe ten o mentado servizo. A día de hoxe, os máis acuciantes poden resumirse nos seguintes: 

O primeiro e máis importante é que a concesión está en precario dende 2015; cuestión que encarece dunha maneira brutal os gastos do Concello. Pois dende o gas-oil, os gastos de electricidade, reparación de vehículos, mantemento de marquesinas, e outros gastos correntes que antes recaían na concesionaria e aliviaban as arcas do Concello, dende entón recaen íntegramente nas arcas municipais. Polo que gástase unha morea de cartos por carecer dunha xestión normalizada. Incluso o mercar uns autobuses novos, a día de hoxe, é un erro, pois non está claro cal será o futuro do servizo. Dado que non se sabe se se optará pola concesión, como se fixo anteriormente, ou, pola contra, pola creación dunha empresa pública ou a municipalización total do servizo. E como eso non está claro, todo o que se faga son fogos de artificio que non van a ningures. Seguir así non ten sentido.

O segundo paso sería facer un novo estudo e actuar decididamente neste servizo modificando o que se precise, pero sempre escoitando ós cidadáns. O demais e enredar e escarallar o que funciona. Ademais de dilapidar o erario, como acontece hoxe. Por dar uns datos, no ano 2011 o custo total do servizo era de 5 millóns e medio de euros ó ano. E a recadación andaba polo 50 por cento. Pero a día de hoxe o Concello asume todos os gastos da concesión sen que recaiga nada na empresa, e a todo eso hai que sumarlle un 6% máis derivado dunha sentencia xudicial e outras cuestións, co que anda o tema polo 9% de demasía. 

No tocante a modificacións do servizo e liñas, os retoques que se fagan non se poden basear en ocorrencias en vésperas de eleccións nin en borradores como é o caso actual. As modificacións, ate o momento da caducidade da concesión, estaban xustificadas mediante demandas dos cidadáns; logo facíase un estudio de viabilidade, mantemento, custes e paradas. E finalmente, se era aprobada e se podía asumir, poñíase en marcha. Nese senso, sempre mantendo a filosofía da vertebración de todo o termo municipal, cuestión que é fundamental.

Outro dos problemas que ten hoxe o servizo de transporte na cidade é a integración das zonas como a Valenzá e o Polígono de San Cibrao, Piñor, o Pereiro e outras que están preto da área urbana ourensá. O chamado transporte metropolitano non funciona e non ten visos de que o tema teña unha solución integradora destas areas coa cidade. 

O anuncio do Concello da modificación total dos servizos e liñas parece unha nova ocorrencia ou un disparate dun alcalde e un equipo que camiña sen rumbo nin criterio. Un capricho dun rexedor que dilapida os cartos públicos. Un pequeno autócrata que desfai todo o que toca. As ocorrencias, sen contar cos cidadáns, están condenadas ó fracaso absoluto. E de seguir así, pode acontecer que se se racha coa filosofía de considerar ó concello unha unidade na mobilidade e se marxina ás zonas do rural quitándolle servizos, este alcalde pegue contra un muro e remate esnafrado. En fin: quen non sabe a onde vai nin coñece como funciona o servizo, non vai a ningures. Esperemos acontecementos.

Te puede interesar